Xosé Neira Vilas, escritor de recoñecido prestixio, dende que en 1961 publicara Memorias dun neno labrego, e autor dunha extensa obra literaria que abrangue dende a prosa narrativa, a poesía, a outros textos de investigación ou testemuña, incorpórase ó catálogo da colección “Narrativa” de Xerais cun fermoso libro de relatos O home de pau. Os quince contos que compoñen O home de pau (“O home de pau”, “Coches”, “Unto”, “Casa”, “O parvo”, “Alameda”, “O xigante Med”, “Folga”, “Papeis”, “Babel S.A.”, “Fumes”, “Decibelios”, “Cadelandia”, “Anuncios” e “Reloxos”) foron escritos ó longo do ano 1988 en La Habana cando Xosé Neira Vilas era xefe de redacción da revista infantil Zunzún. Foron reescritas en Galicia, no inverno de 1993 e recuperados na súa versión definitiva no comezo do presente ano. A pretensión de Neira Vilas con tales fabulacións é reflexionar sobre o previsible destino das cidades actuais e das xentes que nelas moran. Quince historias urbanas, que son outras tantas alegorías sobre algunhas das eivas crónicas que padecen tódalas cidades do noso tempo. Cidades concibidas como labirintos de arames, signos, letreiros, fochas e moreas de entullo entre os que resoan frenlas de motores, bruídos de camións-matafogos e dos outros, laios de lixeiros coches policias, ou de ambulancias que roñan agoirentas para gañarlle unha carreira á morte. Cidades nas que viven homes de pau, chantados na esquina de entrerrúas, vendo e non vendo todo o que acontece. Cidades que medran ceo arriba e beira a beira, con tropezos e miserias eito, nas que cadaquén vai ocupando a súa cova, o seu tobo. Cidades nas que foron a menos o aire e a luz e a ledicia de vivir. A súa complexa brevidade, a prosa limpa e depurada, a investigación léxica sorprendente, o experimentalismo alegórico na construcción das tramas, apoiado no expresionismo das magníficas ilustracións de Siro López, fan de O home de pau, unha das máis orixinais e valiosas aportacións dun dos clásicos da narrativa galega.
Naceu en Gres, Pontevedra, en 1928. É membro numerario da Real Academia Galega, Doutor Honoris Causa polas universidades da Coruña e da Habana, e Fillo Predilecto do Concello de Vila de Cruces. Entre outros galardóns recibiu a Medalla Castelao, o Pedrón de Honra, o Premio Trasalba. Premio da Crítica Española (novela en galego) e Premio da Crítica Galega (ensaio). É un dos escritores clásicos da literatura galega. Emigrou a Arxentina en 1949, onde fixo a carreira de Xornalismo. Foi Secretario Xeral das Mocedades Galeguistas, e Secretario da Comisión Organizadora do histórico Congreso da Emigración Galega. Casou coa escritora cubana, de ascendencia galega, Anisia Miranda, en 1957. Xuntos fundaron ese mesmo ano “Follas Novas”, editorial e distribuidora do libro galego no continente americano. Colaborou na prensa galega de Buenos Aires e publicou nesa cidade o poemario Dende lonxe, en 1960, e a novela Memorias dun neno labrego,en 1961, ano en que Neira e Anisia van vivir a Cuba. Alí funda é dirixe a Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística. Desempeña diversos traballos na administración, colabora na prensa, e exerce durante seis anos a xefatura de redacción da revista infantil Zunzún. Dende 1992 reside na súa parroquia natal, onde preside a Fundación que leva o seu nome. (A súa compañeira Anisia faleceu en 2009).