Neira Vilas céntrase neste libro de novo na emigración americana, que tan ben coñece pola súa experiencia persoal. Nesta novela a emigración aparece contemplada no seu conxunto, tratada desde unha perspectiva global.
Naceu en Gres, Pontevedra, en 1928. É membro numerario da Real Academia Galega, Doutor Honoris Causa polas universidades da Coruña e da Habana, e Fillo Predilecto do Concello de Vila de Cruces. Entre outros galardóns recibiu a Medalla Castelao, o Pedrón de Honra, o Premio Trasalba. Premio da Crítica Española (novela en galego) e Premio da Crítica Galega (ensaio). É un dos escritores clásicos da literatura galega. Emigrou a Arxentina en 1949, onde fixo a carreira de Xornalismo. Foi Secretario Xeral das Mocedades Galeguistas, e Secretario da Comisión Organizadora do histórico Congreso da Emigración Galega. Casou coa escritora cubana, de ascendencia galega, Anisia Miranda, en 1957. Xuntos fundaron ese mesmo ano “Follas Novas”, editorial e distribuidora do libro galego no continente americano. Colaborou na prensa galega de Buenos Aires e publicou nesa cidade o poemario Dende lonxe, en 1960, e a novela Memorias dun neno labrego,en 1961, ano en que Neira e Anisia van vivir a Cuba. Alí funda é dirixe a Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística. Desempeña diversos traballos na administración, colabora na prensa, e exerce durante seis anos a xefatura de redacción da revista infantil Zunzún. Dende 1992 reside na súa parroquia natal, onde preside a Fundación que leva o seu nome. (A súa compañeira Anisia faleceu en 2009).
“néganlle valemento á terra onde temos nado. veñen negándollo dende hai tantos anos que ninguén pode contalos; dende máis alá dos avós dos nosos avós. acocharon a galicia coma se fose unha vergonza, unha ferida. así son as cousas. e ben que doe.”
encantoume, paréceme que ten unhas reflexións brillantes e de grandísima calidade. falloume un pouco a narración, por ser demasiado caótica e fragmentaria como para identificar e distinguir aos distintos narradores (aínda que creo que realmente é a impresión que pretende deixar no lector, porque o caos é parte da historia)
Este libro presenta unha serie de historias sobre galegos emigrados a Bos Aires na época da guerra. Aínda que a técnica narrativa me pareceu liosa, posto que salta dun narrador noutro sen moita claridade, penso que forma parte do propósito do autor e o conxunto gustoume bastante.
"Vese como escrebindo na nosa fala de sempre o pensamento canxa mellor coas palabras, e o que tencionamos decir cai no papel igoal ca dun pincho. Ás veces cavilo se non será porque a lingoaxe vai por dentro dún talmentes vai o sangue, e sendo así nacería conosco, baixando logo de pais a fillis coma por un rego. Todo pode ser"
Un libro fragmentario da historia colectiva de varios migrantes galegos na pre e posguerra cara Bos Aires. Bastante insípido, mais con todo, ten unha serie de escenas abondo potentes. Mágoa que sexa tan repetitivo e tan pouco satisfactorio.