3.5
Na literatura galega contemporánea tamén podemos atopar xoias e esta novela, necesaria e valente, é unha clara proba disto. A veterana autora, Marilar Aleixandre, narra unha historia dura sobre as violacións e as súas consecuencias, especialmente a nivel psicolóxico e social. Aínda que non estou totalmente de acordo con algún das súas mensaxes ou ideas expresadas, o que considero habitual ao falar deste tipo de temas, ségueme a parcer un libro importante que debería ser lectura obrigatoria nos institutos. Algo curioso é que o libro foi publicado en 2008, moito antes do auxe do movemento feminista e de casos tan mediáticos como o da Manada, pese a iso, segue estando de rabiosa actualidade.
Ademais, trátase dunha historia curtiña que apenas supera as dúascentas páxinas e se le moi rápido. En parte por culpa desta brevidade, non hai demasiado espazo para desenvolver aos seus personaxes, máis alá de Sofía, a protagonista, e algunhas cousas suceden demasiado apresuradas. O ambiente dunha clase de instituto paréceme moi ben conseguido, especialmente as dinámicas dos rapaces. Desfrutei moito da ambientación, un bacharelato de Humanidades, e todas as referencias e situacións coas que me puiden identificar. Por outra banda, pareceume que abusaba demasiado do romance, xa que había demasiadas parellas e a maioría non lograron convencerme, de novo por ese pouco desenvolvemento.
De todas formas, o que máis desfrutei foi a maneira na que a autora relacionou o que lles acontencía as protagonistas co mito de Meduas e as distintas versións que existen. Coma apaixonada da mitoloxía, foi un chisco de ollo que me gustou moito e, dende o meu punto de vista, aportáballe moitas máis capas a historia. Para min, é o que o diferencia doutros libros sobre violacións.
Sen dúbida, unha lectura estremecedora pola realidade que retrata e a maneira na que o fai. Pode que a súa forma non sexa a mellor, polo menos para min, pero queda esquecido pola importancia do seu contido.