O Golpe, xa ancián, recorda a súa adolescencia, na década do 1940 en Pazos de Arenteiro. O tempo que compartiu coa doutora África Cons cando ela chegou para cubrir unha vacante de médica e tivo que enfrontarse á hostilidade das forzas vivas do lugar. Retrato vívido dunha época da Galicia rural que xa se extinguiu. A tensión entre tradición e progreso a través da Medicina. Drama e humor ben conxugados cunha prosa rica que se asenta nas mellores letras da nosa tradición. Premio Blanco Amor de Novela 2022.
Rural do corazón de Galiza, anos 40. Imposible escenario máis hostil para unha muller independente, apoderada, moderna e ben chea como a nosa benquerida doutora.
Sempre é un pracer mergullarse en contornas coñecidas como a de Pazos de Arenteiro para ter unha visión, se callar, aínda máis completa da historia. Se a iso lle sumamos as máis que claras influencias da obra de Neira Vilas, temos os alicerces axeitados para esta fantástica historia.
Non é sinxelo chamar a atención con novelas de carácter costumista pola súa propia natureza; porén, o autor consegue que non deixemos de pasar as páxinas deste libro querendo coñecer máis historias e situacións nas que “O Golpe” - narrador - e a doutora África Cons - protagonista - combaten os problemas de caciquismo e ignorancia do Ourense franquista.
A obra sobrancea, no tocante á miña opinión por dous elementos:
- Os personaxes: dende a arquetípica doutora Cons, pasando polo sempre adorable Nonato, sen esquecermos o antagonista - de palla, ao meu ver - o caciquiño doutor Bugallo ata chegarmos ao verdadeiro antagonista, o empresario déspota e manipulador, don Rubén.
Todos eles moi ben caracterizados, dende a súa contorna de circunstancias vitais até as súas motivacións, filias e fobias.
- O léxico: riquísima escolma de vocabulario la lingua galega, non so atanguendo a substantivos senón tamen a verbos e expresións fraseolóxicas. Sería unha gozada poder realizar unha segunda lectura de cara a peneirar as expresións e os termos máis xenuínos.
Xaora que a obra ten, para min, unha pequena eiva que é o centrarse unicamente no presente, cun remate acelerado e ultraresumido cun deixe a présa por lle dar unha conclusión. Tería sido fantástico saber máis do pasado de dona África ou de Nonato - quen amais - promete mencionar historias que nunca chegamos a coñecer.
Abrigo as arelas de que Roberto Fernández o quixese aforrar para unha posíbel secuela; secasí, o peche do universo parece curtarlle as ás a este degoxo que, como lector, posuía.
Para rematar, non quero deixar pasar o ben tratado que está o tema da transición, dende un escuro pasado de tratamentos e metodoloxías de curación máis propias de galenos medievais, de cara a un futuro alicerzado nos adiantos científicos.