«Viva a Comuna!» é a crónica novelada dos sucesos que rodearon a proclamación e a derrota da Comuna de París na primavera de 1871. É a historia dunha revolución, o relato da toma do poder por parte das clases populares dunha cidade que naquela altura era o epicentro da modernidade. Novela de longo alento, ambiciosa e emocionante, nas súas páxinas cobran vida personaxes irrepetibles como Louise Michel, Eugène Varlin, Jules Vallès, Henri Rochefort, Nathalie Lemel ou Gustave Courbet, protagonistas dun tempo de esperanza que recorda na súa orixe e no seu destino tempos históricos máis recentes. Cun estilo envolvente e preciso, capaz de combinar o rigor histórico e a pulsión narrativa, Carlos Meixide recrea o ambiente dos distintos clubs, tabernas, redaccións de xornais, barricadas... en que tivo lugar o primeiro gran combate entre o capitalismo e a clase traballadora. Unha novela vibrante sobre a condición humana, sobre a fraternidade e o compromiso, sobre a xustiza e o medo, sobre a ilusión e o fracaso.
Carlos González Meixide, nado en Vilagarcía de Arousa en 1977, é un escritor, xornalista e humorista galego. A súa primeira obra foi o libro infantil A Miragaia, publicado en 2004. Coa súa primeira novela participou en varios concursos literarios, chegando a obter unha mención especial no Premio Blanco Amor. Nas súas achegas ao campo audiovisual cómpre salientar a curtametraxe O meu nome, o meu mundo, que en 2001 participou no Festival de Cinema e Vídeo de Nova York; ou o seu labor no programa Onda Curta, centrado nas curtametraxes, que emitiu a TVG. Como humorista integra o dúo musical Os da Ría con Tomás Lijó.
Vermorel, Michel, Lemel, Varlin, Bauer... Toda esa xente eran descoñecidas para min hai uns días. Eu da Comuna só coñecía o mito, o eco. Pero desde xa os levarei sempre no corazón. Que dignidade, que afouteza, que seres humanos tan excepcionais! E son só algúns dos nomes propios que conformaron aquel pobo en pé. "Onde quedou a xente así?" Pensei varias veces durante a lectura.
E aínda que en realidade o libro non se centra nos personaxes no sentido clásico, porque o verdadeiro protagonista desta historia é o pobo de París, si se detén neles abondo como para darlle o necesario ingrediente humano a unha historia que por outra banda está contada da única maneira en que se poden contar os excepcionais eventos que son para a Historia da Humanidade as revolucións: coma unha sucesión aparentemente inconexa de causas e efectos que só a posteriori e con perspectiva é posible conectar para concluír que a revolución era inevitable e necesaria .
Sentín en varios momentos a necesidade de recorrer a Google para tentar completar o meu retrato imaxinario desta xente, pero axiña reparei en que iso podía levar a spoiler, pois o final (e isto non é spoiler) é desgarradoramente tráxico para a meirande parte dos involucrados. A ese acto de documentación entregareime agora porque a miña curiosidade pola Comuna e os seus protagonistas non foi saciada con esta novela, ao contrario.
A intención do libro é narrar os antecedentes, os propios feitos e máis algunhas das consecuencias do que aconteceu en 1871 en París. Non é, polo tanto, unha trama "ambientada" ou "situada" alí cronoloxicamente, nin tampouco é un ensaio con adornos dramáticos; pero consegue entreter como o primeiro e ilustrar coma o segundo. E en 600 páxinas non se podía facer mellor. Imaxino que en Francia xa se farían libros equivalentes a este, combinando ficción e Historia, pero creo que este ten o seu lugar na biblioteca sobre a Comuna de París.
Que se cadra non é tan romántico como se conta ou como eu o interpretei? Non me importa. Sei que moito lle debemos nós, a xente traballadora, a estas loitadoras e que é fermoso que alguén as honre con este magnífico traballo, traballo por certo que non puido ser menos que titánico na parte de documentación e planificación.
Que bonita, e triste, é a historia que Carlos Meixide nos presenta nesta novela que ten detrás un traballo importante de documentación e investigación. A historia duns cantos parisienses que crían que poderían cambiar as cousas, que botaron os restos nun proxecto do pobo e debido a el, fronte a unha reacción violenta, atroz e cruel. Que fermosos (no sentido amplo do termo) eran Varlin, Vermorel, Delescleuze, Rochefort, Bauer, Lemel, Michel...
Literariamente si que houbo momentos que me sobraron (son 600 páxinas, raro sería) e hai algunha expresión ou recurso que se repite demasiado (no entanto, por exemplo). Ademais, eu tería agradecido optar por centrar o foco nun número máis reducido de personaxes xa que son moitos e algúns teñen nomes moi semellantes para o lector. De concentrar máis a historia nun feixe de protagonistas en vez de espallala tanto a historia pode que fose más emotiva, más próxima.
Nin o intentes se: politicamente non comulgas coa Comuna (porque a historia é a que é), non che interesa a novela histórica ou o único que che gusta de Francia é velos perder ao fútbol Gustarache se: queres enfardate porque as cousas non cambiaron demasiado, gozas da novela histórica centrada nas persoas e non nos feitos e odias aos Bonaparte.