O galiñeiro do señor Benito anda as galiñas están fartas de vivir explotadas para acabar servidas no prato dos seus donos. Como vinganza, deciden falar co resto dos animais da aldea e argallar un plan terrorífico que lle porá a carne de galiña á veciñanza de Froxán. Os adultos non atopan unha explicación lóxica aos estraños sucesos que comezan a padecer, pero Xanciño, Nela e Milucho, tres rapaces da aldea, sospeitan algo e deciden embarcarse na resolución do arrepiante misterio.
Se tedes unha cativa ou cativo na casa, este libro seguro que lle saca unhas risas! Lémbrame moito ás pelis de insurreccións animais, na liña de "Rebelión na granxa", pero máis sinxelo e simpático.
Gustoume especialmente a introdución de figuras da nosa mitoloxía e tradición con normalidade. Moi ben traídas e contextualizadas!
As ilustracións, realizadas pola propia autora, son un acerto e axudan a estruturar a historia.
A moralexa do final é atinada e actual, seguro que fai reflexionar un chisco aos nenos e nenas.
Andrea García Martínez (@andrea_gmtnez) é ilustradora e escritora. Naceu en Santiago de Compostela no ano 2000, inda que se criou en Sigüeiro. Cursou a súa formación como ilustradora en Ourense, onde seguese a formar en estudios de Deseño de Interiores.
O libriño que vos comparto hoxe é a súa primeira obra publicada: «Animais fantásticos de aldea» (@edicionsxeraisdegalicia, 2023), novela infantil e xuvenil recomendada para nenas e nenos a partires de 11 anos. E tamén para todas aquelas lectoras que desfrutamos da fantasía, dos animais e dunhas fermosas ilustracións.
«Cando Nela escoitou o berro, camiñou asustada cara á porta da entrada, saíu e non tardou en ir auxiliar o pai. Apartou as táboas de madeira que tiña enriba e estremeceuse cando se atopou cunha mirada terrible nos seus ollos. Estaba inmóbil e ausente, e non parecía o mesmo, era coma se envellecese de golpe máis de dez anos».
As tres protagonistas (humanas) da historia son tres rapazas que se teñen que enfrentar ao estraño balbordo que semellan estar a formar as galiñas do señor Benito. Xanciño, Nela e Milucho unen as súas forzas para descubrir que se agocha tras os ataques que están a sufrir as súas familias. Mentres as adultas non atopan solución, as tres rapazas da aldea poñen mans á obra!
A obra trátase dunha coidadísima edición tanto a nivel de ilustracións coma de narrativa. O formato responde ao de aventuras e misterios que as rapazas teñen que resolver, en situacións cun ritmo trepidante, divertido e inxenioso... protagonizadas polos propios animais que están fartos da súa explotación.
«As galiñas puxéronse a rexistrar o galiñeiro de arriba a abaixo, o máis rápido do que eran capaces, pois intuían que os nenos non andarían lonxe».
Así, pois, as lectoras atoparánse cunha exquisita mestura de comedia, intriga, acción e fantasía, mentres as páxinas déixanse devorar por si soas. Cunha narrativa ben coidada e perfectamente ilustrada pola propia autora do texto, o que lle otorga ao libro un valor moi especial.