Ademais dunha rúa do barcelonés barrio de Horta, Coímbra é un mosaico onde Xosé de Cea vai construíndo, tesela a tesela, a epopea da emigración galega en Cataluña vivida por un neno. Testemuña dun tempo de convulsos cambios sociais que se precipitan tras a fin da ditadura franquista, verá como á transición política se superpoñen outras que condicionarán a súa educación sentimental, e mesmo a de toda unha sociedade. De a cabalo da Bildungsroman e a novela autorreferencial, De Cea irá tirando da memoria, como fillo da diáspora xarnega, para tecer un relato de iniciación focalizado na desnortada travesía que vai da infancia á adolescencia. Pólvora, libros, desamor, pornografía, delincuencia... Os lectores e lectoras avanzarán a tropezos e puñadas co autor ata decatarse con el de que, ao final, aquela odisea migratoria que sacaría a millóns de homes e mulleres da fame e da miseria acabará deixando como herdanza o desarraigamento, o exilio e a condena.
Teño sentimentos encontrados con este libro. Primeiro, esperaba ler algo diferente ao que lin: non é unha novela como tal, senón un conxunto de textos nos que o autor percorre escenarios e recordos da súa infancia e adolescencia como fillo de galegos en Barcelona.
Tiña bastantes expectativas polo feito de que un autor falase sobre a realidade xarnega. A idea é boa, pero penso que a execución non foi a mellor. En moitas ocasións o que se contaba non me resultaba moi interesante e non acabei de conectar —supoño non é suficiente con ser xarnegx—.
Un dos puntos positivos é o estilo do autor, as palabras que utiliza e que enchen os textos dunha linguaxe poética.