Sol de Inverno, a obra coa que Rosa Aneiros gañou o Premio Xerais 2009, é unha novela comprometida, densa e cun pouso de lirismo que debuxa o periplo vital dunha personaxe: Inverno. A protagonista habita diversos escenarios que nos conducen desde a perdida aldea de Antes a Barcelona, para relatarnos a crueldade da guerra; e logo ás circunstancias da fuxida a Francia; ao emblemático barco Ipanema; ao longo exilio cubano; á revolución castrista; e mesmo á viaxe ao París do maio do 68. Será en Cuba onde atopamos o pouso da emigración e dos descendentes dos cimarróns, da memoria infinita da tata Luzdivina e do cheiro das follas de tabaco do bisavó Andrés, un escenario clave para entender a singradura dunha protagonista que turra por volver a Antes. Para o xurado do Premio Xerais 2009 “Sol de Inverno constrúe un mundo simbólico e máxico polo que deambulan seres entrañables para crear un relato de pulso vagoroso, que reborda nun potente río de historias. A memoria do exilio, as súas voces e as súas feridas, que Inverno debe lamber unha e outra vez, marcan o pulso desta novela que destaca pola rebeldía dos personaxes na defensa dos ideais e da xustiza.”
Rosa Aneiros Díaz, nada en Meirás (Valdoviño) en 1976, é unha escritora galega.
Licenciada en Ciencias da Comunicación pola Universidade de Santiago de Compostela, desenvolveu actividade docente na Escola de Humanidades da Universidade de Santiago de Compostela en Lugo e colaborou no programa da Radio Galega Un día por diante, así como en Diario de Pontevedra, El Progreso, Galicia Hoxe, Diario de Ferrol (a través da axencia AGN), El País, Grial, Fadamorgana ou Casa da Gramática.
É a guionista da curtametraxe O señor do telexornal realizado por Álex Sampaio, aínda que a súa actividade literaria está centrada no relato e, sobre todo, na novela. Con Resistencia recibiu o premio Arcebispo Xoán de San Clemente á mellor novela en lingua galega do ano 2002. En 2009 gañou o premio Xerais á mellor novela con Sol de inverno así como o premio Fundación Caixa Galicia ao mellor título de literatura xuvenil, con Ás de bolboreta, que así mesmo foi incluído na prestixiosa lista The White Ravens 2010. Obtivo tamén o Premio Irmandade do Libro da Federación de Librarías de Galicia á mellor obra infantil e xuvenil do 2013, pola triloxía Ámote Leo A.
En 2019 gañou o Premio Merlín de Literatura Infantil con Xelís, o guieiro das botellas de mar da que o xurado destacou "a excepcional construción dun universo propio, habitado por unha rica galería de personaxes que se sitúan entre o fantástico e o real, para tratar a problemática actual da crise ecolóxica e da contaminación do plástico".
Marabilla. Con este adxetivo describiría esta novela que acabo de rematar. Unha historia apaixoante dirixida por Inverno, unha nena que nos levará da súa man por unha traxectoria de dor, esperanza e loita incansable nos acontecementos máis importantes da historia nos que o pobo galego tivo un papel principal. Inverno é sorprendida polo estalido da Guerra Civil na súa vila de Antes, este feito marcará o seu futuro e obrigaráa a medrar na determinación da loita sen esquezcer xamáis a súa terriña galega e todos os momentos e xente que alí coñeceu. Pero a vida de Inverno non tería sentido sen outros personaxes cargados de forza e impulsados pola carraxe, a loita e defensa da liberdade. Ela tece a súa historia e mentres, lévanos por unhas páxinas cargadas de emoción onde a ansia de saber qué acontece a continuación é tal que non podes deixar de ler. Alégrome de aceptar a recomendación de esta lectura que me fixo unha boa amiga e de descubrir a Rosa Aneiros con Sol de Inverno, non só é unha historia magnifica, senón moi ben escrita e con personaxes perfectamente definidos. Unha novela para entender o peso que tivo a guerra e a posguerra no rural galego pero que tamén pon de manifesto o loitadores que somos os galegos e as galegas, moitos mesmo levando a súas ansias de liberdade e democracia fora das nosas fronteiras. Recomendadísimo e directo á miña listaxe de libros predilectos.
Estamos ante una narrativa mimada, cun estilo peculiar e un dominio abraiante da lingua, cargada de lirismo e poesía. Tratase dunha obra que me fascinou dende un principio, xa non só polo recurso tan complicado de empregar que é a segunda persoa no narrador, senón por esa beleza da linguaxe que a autora soubo manexar con mestría durante toda a novela. Teño que dicir que o argumento, tan potente nun principio, non me convenceu o remate e dista moito de me parecer redondo. A novela perde pulso ao final,como se esmorecese con Inverno. Aínda así, é unha obra moi recomendable.
Irregular y algo decepcionante. Bien escrito en general, muy lírico, pero excesivamente pretencioso. Quiere cubrir todas las revoluciones del s. XX (con flash backs al XVI o al XVIII), de España a Cuba, pasando por Francia. Los tres primeros años de la protagonista, Inverno, suponen más de la mitad de la novela, y luego se ventila 30 años en un plis plas. No llega a convencerme
Sol de Inverno lévanos, dunha maneira maxestuosa, polos acontecementos máis destacables do século XX. Unha verdadeira lección de historia e sentimento vistos polos ollos dunha nena que ten que medrar en tempos convulsos.