Tomando como base un suceso real, Todo OK relata a historia de Inés Landeira, unha muller involucrada nun delito de narcotráfico que tenta refacer a súa vida e evitar a entrada no cárcere.
Traballou como guionista para varias series emitidas pola TVG (Terra de Miranda, Os Atlánticos, Matalobos) e como colaborador nos xornais Diario de Pontevedra e El Mundo. Foi coguionista das longametraxes 18 comidas (Jorge Coira, 2010), pola que recibiu un Premio Mestre Mateo ao mellor guión, e La mujer del Eternauta (Adán Aliaga, 2011).
Publicou dúas novelas de serie negra ambientadas en Ourense: Baixo mínimos (2004) e O cidadán do mes (2006), protagonizadas polo detective Horacio Dopico. O estilo destas dúas obras, parodia do hard-boiled enchido de dialectalismos correspondentes ás falas de Ourense, aproxímano á produción narrativa de Bieito Iglesias.
En 2006 gañou o Premio Xerais de Novela con Tres segundos de memoria, obra catalogada como "xeracional" pola crítica e cuxo argumento narra o día a día dun personaxe anónimo atrapado na precariedade económica e sentimental. Escrita con humor, a novela está chea de referencias literarias e musicais; así, por exemplo, nun dos seus capítulos o autor homenaxea o autor Nick Hornby de High Fidelity. En 2009 publicou a súa cuarta novela, Dime algo sucio, que foi, xunto con Sete palabras de Suso de Toro, o primeiro libro electrónico publicado pola editorial Xerais. Traducida ao castelán por Pulp Books, esta novela significou un cambio de rumbo na traxectoria do autor, centrado agora en problemas espiñentos como a pederastia. Dime algo sucio recibiu o Premio Especial do Director da Semana Negra de Xixón na súa edición de 2011, ex aequo con Las niñas perdidas, de Cristina Fallarás.
En setembro de 2010 editouse a novela Asasinato no Consello Nacional, que se converteu nun éxito de vendas. En 2011 gañou o premio de novela por entregas de La Voz de Galicia con Historias de Oregón, publicado no xornal durante o mes de agosto.
Colaborou no monográfico A falacia da sustentabilidade, editado por Renderén.