Vinte persoas descoñecidas van pasar unha fin de ano ao deserto de Merzouga, no Sáhara marroquí, unha viaxe organizada que atravesa o país. Non é máis ca unha excursión ordinaria que calquera podería facer cun todo terreo e cun simple mapa, pero acabará por converterse nunha travesía singular, liderada por un guía fumado e dous condutores bérberes esquivos. Desa experiencia, unha das viaxeiras volve convencida de que, durante unha noite que dormen ao raso, foi trabada por un espírito do deserto e que desde entón anda polo mundo agoniando cunha brasa dentro. É a única viaxeira galega, unha rapaza de aldea que de pequena soñaba con explorar o continente africano e que de adulta se debate entre a vulgaridade do turismo e o feitizo da literatura e do mito.
Ana Cabaleiro López, nada en Saídres (Silleda) en 1974, é unha xornalista e escritora galega.
Licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, cursou o máster de Estudos Teóricos e Comparados da Literatura e da Cultura. Iniciouse como xornalista en Radio Estrada. Colabora en Sermos Galiza e no Boletín Galego de Literatura. É membro do grupo de escritura Versos soltos. Traballou no campo da discapacidade intelectual e no da cooperación ao desenvolvemento. Tamén traballou no gabinete de comunicación da Deputación de Pontevedra.
En febreiro de 2017 publicou o seu primeiro libro de relatos, Sapos e sereas, co que quixo chamar a atención sobre o absurdo dos estereotipos de xénero a través de relatos postos en feminino e dirixidos a unha hipotética lectora, nos que pon en cuestión o modo en que se contou a historia da muller.
En 2018 gañou o Premio García Barros coa novela As ramonas. En 2018 tamén colaborou na revista Ligeia.
Quero deixar por escrito que o capítulo 13 sempre será esa viaxe que a narradora teme volver facer por se non sinte o mesmo. Unha especie de Ítaca da lectora. A viaxe como illa, neste caso: o capítulo como illa. E por se algún día releo este comentario, quero recordarme esa frase na que se alude a aquilo que se adquire na viaxe, que non é máis que o que un xa leva consigo. Eu estiven en Tánxer en 2023 sen ser consciente do que Tánxer era. Eso levei e eso trouxen. Pero, supoño, esta lectura esperaba por min.
Unha curiosa lectura por unha viaxe á Marrocos por parte da autora. Sentín que viaxaba con ela no mesmo tempo, cun chisco de nostalxia, e dache unhas pinceladas dos problemas da sociedade occidental e marroquí.
Recordar un poco de shukran. Lembrar que cada vez que viaxamos temos que adaptarnos nós a cultura, non a cultura a nós. Quizáis faga unha segunda lectura para empaparme ben de todas as referencias mulleres con reflexión coa sociedade
This entire review has been hidden because of spoilers.
Quince anos despois dunha viaxe organizada para pasar a fin de ano no Sáhara, a protagonista de 'Xa vemos palmeiras' rememora os días que pasou en África. Reflexiona sobre o que aprendeu e o que non lle aprenderon, o que ela percibiu e como era percibido polo resto, as relacións entre o grupo e tamén o feito de que unha viaxe pode ser extraordinaria, si, pero hoxe en día en viaxar non hai nada de extraordinario.
A medio camiño entre a ficción e a crónica (está baseado nunha viaxe real da autora), ofrece unha ollada moi acertada sobre o 'fast travel' e sobre como nos autoconvencemos de que ese tipo de experiencias acabaranse convertendo en puntos de inflexión nas nosas vidas e, na realidade, non son tal. Por moito que as semanas despois as pasemos incordiando, moi dificilmente nos producirán unha transformación prolongada: son pausas, parénteses, e o sistema encargarase de devolvernos a un punto similar ao anterior, pero non exacto, porque sempre quedan as amizades gañadas.
Unha novela lixeira no seu estilo, pero que fai pensar todo o tempo sobre moitas cuestións como a superioridade moral do 'primeiro mundo' (o que nos di sobre non facerlle agasallos á rapazada polas súas posibles consecuencias quedoume gravado) e a das esferas urbanas (que ven exotismo e un choque cultural en algo que é día a día nas contornas rurais). Ademais, as pílulas de historia sobre o Sahara contribúen a enriquecer o texto, xa que axudan a comprender mellor a historia e o funcionamento da sociedade visitada. E ademais, divertida e moi entretida. Pódese pedir máis?