O desenvolvemento da embrioloxía durante o século XIX encobre tamén unha verdade a contrafío, unha verdade sagrada.
No ano 2043 un fármaco defectuoso provoca un coma profundo aos seus consumidores. Os poucos superviventes que conseguen acordar xa non deixarán nunca de salmodiar un longo canto profético que contén a verdadeira historia da vida sobre a Terra: que é un campo de batalla entre dúas grandes deidades por se devoraren entre elas. Sobre as cinsas das vellas cosmovisións humanas surxen entón unha Igrexa, unha Teoloxía e unha Guerra.
A cabalo entre a bioloxía e a cosmogonía, entre a filosofía da vida e a ciencia ficción, entre o ensaio e a nouvelle experimental, entre Bergson e Lovecraft, Gastrulación propón remontarse aos inicios da bioloxía no século XIX para comprender que a diferenciación entre reinos animais e liñaxes xenéticas conduce ao nacemento dunha deidade que xa non nos necesita.
este libro alterou a miña química cerebral. meu deus, menuda experiencia.
vale, vou tratar de facer unha recensión ordenada. este libro, aínda que sexa de ciencia ficción, está estruturado como se fose un ensaio. está escrito dende a perspectiva dunha muller anónima dese mundo, no que a organización no desenvolvemento embrionario está relacionada coa existencia de deidades descoñecidas por moito tempo.
o primeiro que quero salientar é o acerto de usar unha forma ensaística. quizais é unha decisión algo arriscada (é máis común ler este tipo de historias dende a perspectiva dun narrador máis persoal e activo), pero creo que ten sentido pola amplitude do período que trata. ademais, co engadido das referencias bibliográficas reais e o uso dunha linguaxe científica, confírelle unha camada de realismo que perturba. non é un libro de terror, mais algunhas das cousas que acontecen son definitivamente escalofriantes se as analizamos.
non sei que tipo de documentación tivo que facer o autor para esta obra, mais só podo felicitalo. o paso das referencias a libros e artigos reais ás inventadas queda completamente natural. pasar de embrioxénese a deidades tubulares non se sinte como algo sen sentido ou que vén de ningures. aínda que non son experte na linguaxe nin na estrutura de artigos científicos, como estudante de biotecnoloxía puiden apreciar o que fai este libro. creo que coa miña valoración de 5 estrelas non hai dúbida de que o recomendo, pero a miña recomendación vai especificamente ás persoas que estudan/estudaron ciencias relacionadas coa bioloxía. creo que poderán apreciar e entender o que propón máis que alguén completamente alleo a estas cuestións, aínda que varios conceptos son explicados na primeira parte.
aínda que se sinta raro porque falar de spoilers dun ensaio non ten sentido, realmente este é un libro de ciencia ficción, así que podo facer spoilers do lore e de acontecementos que dende a perspectiva da narradora son "historia". por iso, aquí vai unha sección con spoilers sobre cousas que me chamaron a atención do libro:
basicamente, moitas grazas a este libro por existir. vou proceder a pensar nel por semanas e a necesitar fortemente a alguén con quen falar do final.
Esta non é unha novela común, mesmo teño dúbidas de que poida recibir tal nome. Os personaxes son practicamente irrelevantes, tampouco podemos encontrar nel unha trama ao uso. Porén, demostra un poder de cativar o lector meirande cás aventuras espaciais ou cás intrigas de palacio ás que estamos afeitos.
Gastrulación contén deidades como nunca as imaxinamos, visguentas e indiferentes, que me trouxeron algunha reminiscencia leve ao Cthulhu de Lovecraft e ao Nurgle de Warhammer. Tamén guerras e ecocidios por motivos racionais, ou non. Sempre lonxe dos clichés do xénero, da distopía boba, do moralismo doado.
Gastrulación é un holograma indistinguíbel da materia sólida, unha catedral barroca construída sobre un enxeño e unha creatividade excepcionais. Non hai costuras á vista, todo cadra con precisión científica. Cada parágrafo é verosímil, mesmo aqueles que se atreven coa descrición da escena máis inconcebíbel, até un punto no que arrepía.
Gastrulación non pode deixar indiferente ao lector. Trátase dun texto arriscado, complexo e inquedante, e suxiro a quen tales adxectivos lle poidan intrigar que lle dea unha oportunidade.