Aprendín moito lendo este libro. Interésame a toponimia porque nela se cruzan a lingua e a xeografía, e as dúas cousas me importan. Quedan fóra deste libro milleiros de topónimos dos centos de miles que hai neste país. Pero fala de moitos, e argumenta a orixe de nomes que ata agora me parecían misteriosos, como Chandrexa de Queixa, Sarreaus, Cumbraos, Osebe, O Pindo... Aprendín da formación de nomes de lugar a partir da orografía, a vexetación, a fauna, a historia e, sobre todo, dos nomes propios dos posesores do territorio. Descubrín hipercorreccións e topónimos deturpados (Cerponzóns por Serponsóns, Zas por Sas, O Incio por Oincio...). E afondei nestán as raíces indoeuropeas, sons que remiten a cousas básicas como pedra ou auga que se repiten en nomes de lugar e de rios de toda Europa.
O mellor deste libro é a información que contén. Por iso me prestou moito. O peor é como está escrito, cunha prosa repetitiva, que fai que dentro do mesmo artigo (ten formato enciclopédico) as ideas se expoñan dúas ou ata tres veces da mesma maneira. E así a todo pagou a pena.