Eu quería ler “Sen Piedade,” pero este era o libro de Pedro Feijoo que tiñan nunha libraría de Ferrol con máis libros na sección de “Esotérica” que na de “Galega.” Acabarei por facelo cando volte pola casa, pero con menos entusiasmo do que agardaba.
Non vos trabucar, se queredes un libro misterio, crime, investigación…entretido non tedes que ir máis lonxe. O Sr. Feijoo sabe como tecer unha intriga, e como resolvela de xeito sorprendente, a pesares de que eu perdera o interese logo de ler un terzo do libro. Se queredes saber o porque, seguide lendo.
SPOILER ALERT
Son máis friki que gafapasta. Non teño problema con conspiracións alieníxenas, templarias, ou de calquera outro tipo. Non coñezo tan ben a vida de Rosalía e familia como para dicir que a historia é imposíbel. É unha obra de ficción, e se non aturamos un pouco de fantasía arredor da nosa poeta nacional, mal imos. E aínda así, teño que recoñecer que dende o momento no que o a idea do fillo perdido/herdeiro de Rosalía comezou a tomar corpo, o libro deixou de gustarme tanto como ata entón o fixera. Pode ser que aínda que gocei moito con herdeiros de Cristo/da Vinci/Poe, xa estea un pouco canso de tanta conspiración interxeracional. Ou pode ser que estas fantasías funcionan ben cando falan de lugares exóticos e persoeiros cos que realmente temos pouco vinculo persoal, pero que non encaixan cando estamos a falar dalgo que nos é próximo. Quero pensar que é o primeiro, porque o contrario sería limitar a nos a literatura a temas realistas, e algo que nin podo nin quero defender.
En resumo, aínda que me gustou moito que o asasino non fora ningún dos “intelectuais” dos que imaxino todos sospeitabamos, teríame gustado máis se os motivos para os horríbeis crimes (outro punto para Feijoo) foran algo mais do común, arredor de Rosalía e non por ela.