(Vou supoñer que este libro segue sendo Sonora, de Chus Pato, pese ao que di Goodreads (síntocho, Carme Vidal))
Lin este libro polo Club de Lectura de Filoloxía e creo que decidírmonos por este poemario estivo bastante influenciado polo Premio Nacional (nacional de onde?) e, persoalmente, pola importancia de Chus Pato como poeta para a nova xeración de escritoras galegas.
Non coñecía nada da autora e atopei unha voz bastante hierática, con poemas difíciles. É certo que conectei con moitos deles pola súa temática (a morte da nai, da matriarca, o dó, a imposibilidade da linguaxe de reflectir a realidade, a propia linguaxe como legado da nai, os recordos...).Tamén é certo que a miña conexión foi algo puntual, subxectivo, e que en xeral os poemas teñen unha feitura estraña, difícil de desenguedellar. Esteticamente crea imaxes moi poderosas e emprega palabras concretas, exactas, dentro da desorde semántica e sintáctica. Algúns dos poemas longos son como parrafeos oníricos, ou de fumada, ou de tola... ou de oráculo, vaia. Entendo que, se a conexión co poema preexiste, o poema desvela a imaxe sublimada compartida.
Shoutout to Stalker, revisión de Chus Pato da importantísima obra rosaliana, Abcdefg 💅🩸💋🏍️