Agosto de 1992. Unha decisión precipitada, case inconsciente, leva a protagonista da novela a pasar as vacacións nun apartamento nunha praia da ría de Arousa. Necesita descansar pero, ademáis do descanso buscado, atoparase con sombras e con estrañas revelacións que a farán dubidar de si mesma. A súa especial percepción do tempo e do espazo, a súa forma de sentir, que ás veces é unha auténtica tormenta de emocións, farán que cuestione se todo o que a rodea -e incluso ela mesma- é realidade ou é pura ficción.
Anxos Sumai (Catoira, 1962) é documentalista, tradutora e escritora. Colaboradora de distintas publicacións nos anos oitenta e noventa, a súa actividade literaria desenvólvese na rede dende o ano 2001 no portal: culturagalega.org, onde tivo as seccións "Anxos e diaños", con Roberto Ribao, e "Anxos da garda". Colaborou na segunda etapa da revista Guía dos Libros Novos coa sección "Hemisferio Oeste" (2003-2004). Entre os traballos de tradución destacan os Diarios de Syra Alonso.
Como narradora publicou Anxos da garda (2003) e Melodía de días usados (2005), en Editorial Galaxia. Obtivo o Premio Novos Valores da Narrativa Galega en 1985 e o segundo Premio no XI Concurso de Narracións Curtas Modesto R. Figueirido do Pedrón de Ouro, en 1986. En 2004 foi Premio da Crítica Galicia. En 2007 gañou o Premio de Xornalismo Literario e de Opinión Roberto Blanco Torres polo seu espazo de opinión "Somos perigosamente normais", emitido semanalmente no Diario Cultural da Radio Galega durante o 2006. Actualmente traballa no Consello da Cultura Galega.
En 2007 recibiu o II Premio de Narrativa Breve Repsol YPF pola obra Así nacen as baleas, publicada por Editorial Galaxia, e o Premio á Autora do Ano concedido polos membros da Asociación Galega de Editores. Por este mesmo libro obtivo o Premio San Clemente, concedido por rapaces de diversos institutos galegos.
É un libro doloroso, ás veces angustiante, cheo de imaxes que firen . A memoria e a desmemoria rodean a uns personaxes confusos (ou confundidos) que ou non poden lembrar ou desexan esquecer. Gustoume a dúbida que rodea o relato e especialmente a primeira parte da novela, na que Nuria se vai construíndo "de cero". E por suposto, como escribe Anxos, que dá gusto lela. Con todo, paréceme que non todos os personaxes están trazados con tanto xeito e chega un momento no que sinto que me baixo da historia.