Oitenta páxinas. Oito contos. E oito nenos: Leonardo, Tono, Abelardo, Alberte, Luisiño, Duarte, Pedriño e un anónimo, que narran en primeira persoa algunhas das súas vivencias a comezos do século XX na tranquila cidade de Auria (reflexo literario de Ourense, cidade natal do autor).
Nestas breves historias, Blanco Amor cédelle a voz ós nenos daquela Auria que viviu na súa infancia para que nos mostren coas súas olladas e os seus pensamentos como era a vida naquela pequena cidade de provincias. Son eses nenos os que nos falan das falcatruadas que cometían, da súa forma de se divertir, da súa fe, dos seus desexos máis íntimos, da pobreza y e a fame que padecían, dos señoritos que todo o tiñan, das penas e o duro traballo, das festas, dos primeiros namoramentos... Pero por riba de todo, o que fai Blanco Amor, emigrado na Arxentina e logo retornado na década dos '60, é utilizar a inocencia e a vitalidade deses oito infantes para contarnos como era a Ourense da súa xuventude e as xentes que a poboaban. Pode que estes contos no sexan autobiográficos, tal e como di o autor, pero dende logo destilan a súa inmensa morriña pola cidade na que creceu e por uns tempos que sen dúbida consideraba felices.
.
Coma sempre digo cando falo de libros de contos, uns son mellores que outros, pero destacaría "O noxo", "Bartomeu i os biosbardos" e "O salvamento", no que debulla con certa retranca a miserenta e falsa superioridad do emigrado que fixo fortuna e volta ó fogar para ver á familia.
Un libro moi recomendable para aqueles que gosten das historias de nenos cun aire de suadade por mellores tempos pasados.