Opinión persoal:
Abril Andrade contempla A noite estrelada de Van Gogh, o que visita rigorosamente cada outono no MoMA de Nova York, mentres asume a noticia do seu cancro terminal. Case o mesmo tempo, descubre o falecemento do seu tío Bastian e a súa herdanza do vello faro familiar. Emulando o inicio de Brooklyn Follies de Paul Auster, ela tamén se atopa buscando un lugar para morrer e que mellor que pasar a súa noite negra no lugar que sempre foi o seu refuxio.
Unha vez alí a forza do mar e das lembranzas baterán nela con forza. Pronto atopará un tratado para a sementar cebolas que o seu tío lle deixou. Nel, ademais de contar a súa propia historia, pon en valor o retornar a terra, a importancia dos coidados, o deber da responsabilidade e todo o proceso que supón o cultivo das cebolas e logo, xa unha vez secadas, capa a capa, chegar ata o branco e brillante froito.
Abril é como esa cebola que hai que abrir capa a capa, derribando as que ela mesma levantou para protexerse. Chegar ata o seu interior é vital para poder sandar.
E nese duro e nada doado proceso, vai a estar acompañada por Lisco, un furtivo moi retranqueiro que da lugar a momentos de humor, quen a coida e está sempre pendente a pesar de que el tamén ten as súas propias liortas. Tamén un zorro famélico non lle perderá a pista. E o torneo de fútbol da vila. Todos eles daranlle azos para atopa a forza para se erguer un día máis.
A noite das cebolas é unha novela cativadora, chea de ternura e dunha gran beleza. Rosa Aneiros recrea con precisión os escenarios e a bravura do mar, a que sentin na pel. Para min entrarme neste libro foi algo marabilloso e que recomendo debullar con calma porque son moitos os momentos emotivos e emocionantes, e moitas as reflexións as que a autora nos achega.