Luísa Villalta foi un alustro que cruzou o tránsito de dous séculos e nos deixou unha poesía atravesada pola busca da verdade na palabra. Entrou na arte a través da música pero “un día” decidiu anoar as cordas do seu violín –era unha experta instrumentista– e fuxiu dos palacios como as princesas para adentrase no bosque, acirrada pola “necesidade de coñecer”. Así vou eu, formando parte, título que fai referencia a unha das frases da autora, é unha secuencia de lectura nova sobre a poesía rebelde de Luísa Villalta e, ao mesmo tempo, unha mirada documental sobre os seus procesos de liberade creadora. Estamos ante unha poesía que lle esixe a cada poema algo máis alá do pensado.
Luísa Villalta Gómez, nada na Coruña, na rúa Vila de Laxe, o 15 de xullo de 1957 e finada na mesma cidade o 6 de marzo de 2004, foi unha escritora, filóloga e violinista galega. Escribiu poesía, teatro, narrativa de ficción, ensaio, articulismo e tradución.
O colectivo A Sega acordou dedicarlle o Día das Galegas nas Letras do ano 2022, esta plataforma terá dito: «celebrámoste desde a complexidade da épica ao publicismo, deste ti, desde o teu pensar, lúcida e comprometida, sempre na construción dun pobo».
E a Real Academia Galega o Día das Letras Galegas do ano 2024. A RAG destaca dela que foi a «creadora dunha obra singular e sólida que a converteu nunha das grandes figuras da literatura galega que emerxeron na segunda metade dos anos 80 e primeiros 90», esta proposta estivo encabezada pola tamén escritora Ana Romaní e respaldada por Chus Pato, Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey, Margarita Ledo Andión, Manuel Rivas, María López Sández, Euloxio R. Ruibal, Dolores Sánchez Palomino, Manuel González González e a xa mencionada Ana Romaní.