Rosalía Fernández Rial(1988) concibiuse a través da palabra, ideando unha xénese inicial desde a literatura escrita e a linguaxe escénica. Na súa fase filolóxica indaga sobre teatro clásico e realiza diferentes traballos académicos vinculados ao Grupo de investigación Calderón de la Barca. Tras licenciarse inicia un período de mutación cara a didáctica das linguas, da literatura e da expresión dramática; primeiro no Traballo Fin de Máster e logo na súa Tese de doutoramento. Nese proceso de transformación intelectual, mantivo sempre unha intensa preparación física e actoral, mediante as que intenta interpretarse.
Como creadora, en especial de poesía, Rosalía rexenérase en cada un dos seus libros, entre os que destacan: En clave de sol (2009), Átonos (2011), Vinte en escena (2012), Un mar de sensacións (2012) ou Ningún amante sabe conducir (2014), Contra-acción (2016) ou Sacar a bailar (2016). Títulos que cos que se metamorfosea en presentacións performánticas e musicais.
Aulas sen paredes (libro-DVD, 2016) é a súa obra de ensaio más relevante, que deriva da Tese Doutoral defendida ese mesmo ano e inclúe un documental audiovisual coa intervención didáctica na que usa a expresión dramática e teatral como ferramentas pedagóxicas para o ensino e aprendizaxe de linguas.
Unha vez personificada, Rosalía pasa da grafía á acción e actualmente está a desenvolver diversos proxectos nos que fusiona, evolucionadas, as dimensións literaria, corporal, escénica e experimental. Amálgama que lle permite aliar os seus seres baixo a sólida existencia dunha peza artística; única identidade importante.