Unha mañá de outono calquera no MoMA de Nova York Abril Andrade contempla «A noite estrelada» de Van Gogh cando recibe noticia da irreversibilidade do seu cancro e, seguidamente, do falecemento do tío Bastián. A herdanza do vello faro familiar proporciónalle un inesperado refuxio onde o mar, a area e os toxos conforman a paisaxe solitaria na que ela se resigna a aceptar a súa propia morte. Contra todo prognóstico, unha corza esmagada no asfalto, un raposo famélico chamado Leonardo, un furtivo farfallán e retranqueiro, un torneo de fútbol veterano, unha nena que cheira a ouriños e unha sementeira de cebolas acompañada dun breve tratado para o seu cultivo demóstranlle que a vida, ás veces, é quen de meter un gol no tempo de desconto. Rosa Aneiros volve engaiolarnos cunha novela sobre a beleza, a fraxilidade, a observación da natureza, os coidados, a memoria tramposa, a culpa e a íntima alegría de sentirse viva no medio dunha noite negra cando, de xeito inesperado, dan en esfacharear as estrelas.
Rosa Aneiros Díaz, nada en Meirás (Valdoviño) en 1976, é unha escritora galega.
Licenciada en Ciencias da Comunicación pola Universidade de Santiago de Compostela, desenvolveu actividade docente na Escola de Humanidades da Universidade de Santiago de Compostela en Lugo e colaborou no programa da Radio Galega Un día por diante, así como en Diario de Pontevedra, El Progreso, Galicia Hoxe, Diario de Ferrol (a través da axencia AGN), El País, Grial, Fadamorgana ou Casa da Gramática.
É a guionista da curtametraxe O señor do telexornal realizado por Álex Sampaio, aínda que a súa actividade literaria está centrada no relato e, sobre todo, na novela. Con Resistencia recibiu o premio Arcebispo Xoán de San Clemente á mellor novela en lingua galega do ano 2002. En 2009 gañou o premio Xerais á mellor novela con Sol de inverno así como o premio Fundación Caixa Galicia ao mellor título de literatura xuvenil, con Ás de bolboreta, que así mesmo foi incluído na prestixiosa lista The White Ravens 2010. Obtivo tamén o Premio Irmandade do Libro da Federación de Librarías de Galicia á mellor obra infantil e xuvenil do 2013, pola triloxía Ámote Leo A.
En 2019 gañou o Premio Merlín de Literatura Infantil con Xelís, o guieiro das botellas de mar da que o xurado destacou "a excepcional construción dun universo propio, habitado por unha rica galería de personaxes que se sitúan entre o fantástico e o real, para tratar a problemática actual da crise ecolóxica e da contaminación do plástico".