O medio cento de poemas que constitúen este volume percorren o mundo infantil galego con estructuras sinxelas e rítmicas. Abren o libro dous poemas dedicados a Galicia. Un deles, que leva o mesmo nome, é case unha declaración de principios sobre o noso país para os nenos e nenas. De seguido, e baixo o epígrafe de " O mundo " , aparecen o sol, as etrelas, a lúa, o arco da vella, o mar, o río e o vento. No poema " As cousas " falan as campás, o barco, o chifre, o muíño, o ourizo, a fouce, o bolo, o foguete, o carro, o tractor, o arado. " Os homes, nenos e nenas " , é o título xenérico onde entran o labrego, o soñador, o afiador, a festa do patrón, os xogos, o lume novo, o pastor, a boneca, a roda-roda. Por último, dous epígrafes dedicados ós animais: o año, a bolboreta, o caracol, a pita choca, a vaca, o burro, a lebre, o galo, o gato, o lobo, o grilo, o corvo, o merlo, o carrizo, o escribinte, as andoriñas, o pazpallar, o cuco, o pardal, as pegas. Este libro é un clásico da nosa literatura infantil. O autor, nunhas palabras iniciais, di que " son versos que este humilde autor botou de menos cando el era neno. Versos que, por outra banda, non había na literatura galega e que tan preciosos son. Eu quixera encher, en parte, este oco " .
Manuel María Fernández Teixeiro, nado en Outeiro de Rei o 6 de outubro de 1929 e finado na Coruña o 8 de setembro de 2004, foi un poeta, narrador, dramaturgo e académico da lingua galega, destacado polo seu carácter combativo e máis polo seu compromiso político. O 19 de abril de 1970 ano foi elixido membro correspondente da Real Academia Galega, mais renunciou en 1975 ao entender que a institución non estaba á altura que esixía o momento histórico.
Nas eleccións municipais de 1979 presentouse como cabeza de lista á alcaldía de Monforte de Lemos, e foi nomeado concelleiro de Augas e Recollida do lixo. Tras non ser elixido nas eleccións ao Senado de 1982 en representación do BNG, abandonou a militancia política para se dedicar por completo á actividade literaria e cultural. Volveu ingresar na RAG, desta volta como membro de número, o 15 de febreiro de 2003, por proposta de Xosé Luís Franco Grande, Ramón Lorenzo Vázquez e Xosé Luís Méndez Ferrín, pronunciando o discurso "A Terra Chá: poesía e paisaxe".
Entre os temas dos seus poemas destacan o amor, a arte, o propio compromiso político, a denuncia de eivas, a etnografía, a física, a historia, a inmaterialidade, a mitoloxía, o mundo animal, a palabra poética, o paso do tempo, a relixión, a sociedade, a lingua, os traballos agrarios, o urbanismo ou a xeografía. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas de 2016.