Tardei en ler esta noveliña porque sabía que ía removerme moito por dentro. Porque quería adentrarme nela desde os meus propios orixes. Esperei ata estar no lugar adecuado, rodeada da maxia da contorna. Fun á miña aldea despois de moito tempo. Observei como nunca cada detalle e sentín toda a boa enerxía que sempre me transmitiu toda esa natureza, chea de árbores, plantas, flores, herbas, avelaíñas, escornabois, aves de todo tipo e símbolos de tradición. Lin sen poder parar nunha tarde de néboa baixo unha carballeira moi especial para min. Co chascarraschás de fondo porque algúns xa se estaban preparando para a romaría. E lendo, sentinme, dalgunha forma, parte da historia. Lin ata recordar. Lin ata sentir o mesmo co protagonista nunha loita interna contra as miñas propias pantasmas, contra o meu propio medo. Lin ata chorar, pero xa non de medo, senón de alivio. Unha vez máis, grazas, Iago, por transportarme ó teu mundo de maxia.