Esta é a historia dunha serie de mulleres que, coa pandeireta na man, eran libres. Tal e como afirma Mercedes Peón no limiar, eran «libres de tocar, de berrar, de aloumiñar coa voz, de disociar e ornamentar mentres tiñan o seu transo en colectividade, libres de facer a foliada, donas do serán e donas da palabra». A partir do recoñecemento desa liberdade, naceu o proxecto «Somos Pandeireteiras», o lugar onde a centralidade estaría ocupada por un pronome feminino nosoutras. Este libro é unha consecuencia dese proxecto de pensamento e articulación social e cultural impulsado pola sororidade e promovido pola investigadora, pandeireteira e compositora Mercedes Peón. Nas súas páxinas, seis mulleres galegas contemporáneas (Ana Romaní, María Reimóndez, Andrea Nunes, Susana Sanches Arins, Mercedes Peón e Selina Otero) recollen o testemuño desde a súa propia palabra.
-A todas nos pasou mirar para a compañeira e pensar “ti e máis eu damos ben na foliada”.
-E entre as águas, aquelas águas, estas águas, sempre as pontes.
-Para a miña man que abanea coas outras, cada vez está máis claro que os espazos que fican fóra do consumo son obxectivo claro de destrución polo seu potencial de crear comunidade. Cando a xente toca e baila para pasalo ben, sen necesidade de que haxa un escenario, un bar, nin sequera profesionais, non se tira partido económico e, polo tanto, ese espazo compite, sen pretendelo, con todo aquilo que si o produce. É unha ameaza. Non hai nada máis atractivo, non hai un motivo maior para bater as nosas mans en harmonía ca seguir creando, dende as nosas propias raíces, eses espazos de non-hexemonía.
-O canto e o baile son formas de reforzar a autoestima persoal e colectiva, e tamén espazos de convivencia comunitaria fora das lóxicas da competividade. Cantar ou bailar son expresións humanas básicas en que o corpo toma centralidade. No noso caso, partimos dunha tradición que non ten en conta só corpos individuais, senón sempre corpos colectivos. Precisamos disto máis que nunca.”