Rastros é unha obra de teatro de Roberto Vidal Bolaño, estreada e publicada en 1998. A obra foi estreada o 19 de marzo de 1998 na Casa da Cultura de Vilagarcía de Arousa, representada por Teatro do Aquí con dirección do propio autor. O elenco estaba formado por Patricia de Lorenzo (Esther), Luís Iglesia (Moncho), Xoán Carlos Mejuto (Iago) e Rubén Ruibal (Xan), coas voces de Ursía Gago, Anabell Gago, Denís Iglesias, Belén Quintáns e o propio Vidal Bolaño. A música correu a cargo de Berrogüetto. En 1999 acadou dous Premios María Casares, ó mellor texto orixinal para Vidal Bolaño e á mellor actriz protagonista para Patricia de Lorenzo. A pesar de que recibiu boa acollida por parte da crítica, a obra non tivo moitas representacións polo seu carácter político.
A trama desenvólvese en Santiago de Compostela. Esther, Moncho, Xan e Iago son amigos desde a infancia. Esther é unha xornalista desempregada e enganchada ás drogas, e pouco antes de facer os corenta anos intenta suicidarse cortando as veas á altura dos pulsos no rocho en que vive, pola súa decepción ante a falta de esperanza e ilusión vital. É trasladada ao hospital, e na sala da espera coinciden os tres amigos. A través de varias analepses vese o pasado común dos personaxes.
Autor, director e actor, foi un dos promotores do teatro independente galego. En 1974 funda a compañía teatral ANTROIDO, que durante anos representará moitas das súa pezas. A súa é unha das produccións máis importantes do teatro galego contemporáneo, merecedora do constante recoñecemento de xurados e crítica.
O teatro de Vidal Bolaño caracterízase por un forte simbolismo e pola combinación entre elementos da tradición popular galega e outros tirados da realidade socio-cultural do momento. O ton farsesco disimula escasamente unha amarga e sombría crítica desa realidade.
Cargado de reproches á vida, un canto á liberdade. Somos quen de vivir baixo os nosos ideais? Ou as circunstancias fan de nós xusto aquilo oposto ao que sentimos ou polo que botámonos ás rúas? En vestixios nun futuro sen rastros do pasado?
Roberto Vidal Bolaño compón unha peza chea de xenreira á realidade social na que (sobre)vivimos, onde destaca a falta de solidariedade, a imposición de obxectivos vitais que non se chegan nin a albiscar, o cinismo en tempos de entroido e a loita por Galiza. Triste, moi triste.