Emma Pedreira (A Coruña, 1978). Filóloga, poeta e narradora. Membro da Plataforma de Crítica Feminista A Sega. Forma parte da denominada Xeración Poética dos 90.
En xuño de 2018 gañou o Premio Xerais de novela, por Besta do seu sangue, obra da que o xurado asegurou que supón unha proposta "de carácter transgresor caracterizada pola súa multiplicidade de voces, polo seu esencialismo narrativo e por exhibir diversos rexistros".
En 2019 gañou o premio Jules Verne de Literatura Infantil con Os corpos invisibles no que o xurado salientou "a orixinalidade da perspectiva adoptada para o desenvolvemento da trama; a innovación no seu achegamento a un clásico universal e ás autoras inglesas da época vitoriana; o firme feminismo da obra; o retrato social focalizado en problemáticas femininas e a visibilización do papel das mulleres".
Interesante polo seu carácter íntimo, pola paixón que Pedreira pon en cada un dos capítulos e polo humanismo que desborda. Porén, un bota de menos a imaxe, máis fotos do descrito, e bota de máis algún dos momentos de conversas -se ben é porque sei que son un rancio que quere a chicha e non o humano-. O libro, en xeral, resulta interesante, cataloga un gran número de cemiterios sen pretender ser un catálogo completo e perfecto, e fai pensar unha e outra vez na relación que temos coa morte na Galiza. Unha relación sempre presente, mais que é curioso, porque non se amosa nun estilo tan demarcado nin estetizado no que é o espazo que damos ao último repouso. Como curiosidade, que me marco aquí para relembrar cando relea esta crítica, logrei que o semi-azar (porque puxen o disco querendo que ocorrese, pero sen forzar a que así fose) fixese que soase I was Buried in Mount Pleasant Cemetery, o tema máis melancólico sobre cemiterios do mundo, no último capítulo, sobre o de Santa Mariña de Dozo, de Cambados, que Cunqueiro describíu como "o cemiterio máis melancólico do mundo".