Desaparecer é un poemario fragmentario, plástico e descarnado, no que a voz poética atravesa un estado de depresión con ideacións suicidas. Absterse de ler se non se está ben de ánimo.
O último libro que lin é Desaparecer de Pilar García Rego. Reflicte as sensacións e pensamentos recollidos ao longo dunha serie de semanas e que comezan coa decisión de elaborar unha nota de suicidio. Percorre o libro unha serie de preguntas: "Que sentido ten a vida dun cacto?", e outras que se van sumando a medida que pasamos páxinas. Tamén hai numerosas reflexións sobre o sentido da vida, e da actitude que tomamos ante ela: "O medio a vivir é máis grotesco e impúdico que o medo a morrer", "unha bala no espello".
Encantoume en particular [semana 18] Prospección: a muller que convoca e abraza a todas as nenas que foi. Algo que deberiamos facer todos de forma regular.
E da mesma forma que comezamos o libro con "desaparecer", os últimos poemas parecen supoñer toda unha aceptación do presente e un estar disposta a enfrontar o futuro.
Atopamos, por fin, a resposta ao sentido da vida do cacto: O que teme o cacto é o caos da entropía romper desaparecer en plena primavera sen que agrome a coroa de flores no alto do talo.