Que bonito é este álbum ilustrado titulado O lobo de Rena Ortega publicado por Triqueta editora.
É un libro informativo con fantásticas ilustracións ─coma todos os de Rena Ortega─ que nos fala de todos aqueles aspectos que poden resultar de interese sobre o lobo. Desde como xurdiu a especie, como se estendeu polo planeta, as diferenzas entres especies parecidas, o seu comportamento, e diversos aspectos do seu comportamento.
As últimas páxinas están dedicadas a facer entender a súa importancia no ecosistema e como non son tan malos como se pintan na literatura tradicional.
É unha lectura moi interesante para os últimos cursos de educación primaria onde xa hai unha lectura fluída pero, en todo caso, as ilustracións contribúen enormemente á comprensión do texto.
A min gustoume especialmente como se explica a súa reintrodución no parque de Yellowstone e como contribuíron a que se reequilibrase o ecosistema que estaba alterado sen eles.
Sen dúbida parece unha gran lectura informativa para aquelas nenas e nenos interesados en coñecer máis sobre a natureza e o noso contorno natural.