Logo de saber que padece unha demencia agresiva, a escritora Pilar Fonte recibe a encarga de escribir unha obra póstuma. Pilar, xa con moitas dificultades, vaille ditando a unha amiga que a acompaña algunhas pasaxes da súa vida e, sobre todo, a súa particular relación co centro psiquiátrico San Simeón, que contemplou dende pequena asomada á ventá do seu cuarto. Mais o vínculo de Pilar co centro non é de simple veciñanza, senón que vai moito máis lonxe do esperado. Nin ela mesma imaxinou nunca que a conexión coas persoas que o habitan chegaría a ser tan poderosa. Entre o realismo máxico e a dúbida constante de canto é froito da memoria, Diego Giráldez guía os nosos pasos a través dun relato cargado de sensibilidade pero tamén de frescura. Acompáñanos ata unha casa vella chea de mobles protexidos por sabas que imos retirando para descubrir os estragos do paso do tempo.
Diego Giráldez García, nado no Porriño o 15 de xullo de 1976, é un xornalista e escritor galego.
Licenciado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela. Leva toda a súa vida profesional vinculado ao xornalismo. Foi redactor de A Peneira e coordinou o seu suplemento cultural, Kalaikia. Colaborou con Xornal de Galicia, A Nosa Terra e El País, edición galega. Tamén ten colaboracións en Praza Pública (formando parte do consello de redacción) e na revista Luzes. Fundou e dirixiu a revista Malladoura e o CanZine, publicación oficial do Festival de Cans.
Aínda que son lectora habitual de thriller e novela negra, as veces busco algo máis que entretemento nos libros que elixo. E neste libro sabía que o atoparía.
Pilar Fonte é unha escritora moi famosa e recibe a encarga de escribir unha obra póstuma, ágora que están tan de moda, xusto cando lle diagnostican unha demencia agresiva. As dificultades que lle causa, a levan a pedir axuda a súa amiga de toda a vida Natalia,a quen lle vai ditando con moita dificultade o pouco que vai lembrando e aquela, froito do moito tempo que pasan xuntas, vai enchendo os ocos que faltan. Nalgunha desas pasaxes da súa vida está a súa particular relación co centro psiquiátrico de San Simón e os seus pacientes conforman as figuras do xardín que forman parte dos seus relatos.
As obras póstumas é un libro que transmite sensibilidade, pero tamén momentos nos que custa diferenciar entre a realidade e a demencia de Pilar. Contén momentos doces e duros, como cando se aborda o tema das mulleres que habitaron os manicomios no pasado.
Pecha o libro cun epílogo que me deixou un bo sabor de boca. Grazas Diego por tan fermosa historia.
Desgarradora e dura historia de historias, chea de sensiblidade na que non podes deixar de empatizar e toda ela escrita cunha enerxía que non deixa parar de ler...
“Se fose pola súa cara, calquera poderia deducir que él era un tipo afortunado. Pero, ao igual que o resto de pacientes, leva un veo mesto de penumbra alterando todo” ~ As obras póstumas de Diego Giraldez.
Hoxe, Día de Galicia, traio un libro en galego que é unha crítica ao mundo editorial. Nesta istoria coñecemos a Pilar, unha escritora á que ante a súa enfermidade pídenlle que escriba a súa obra póstuma.
Dende a súa casa, Pilar ve as figuras que pasean polo xardín do hospital psiquiátrico e escribe unha vida imaxinaria para cada unha de elas. Pero Pilar tamén conta o seu pasado e cómo dende nova sentiuse atraída polos residentes do hospital.
Unha obra breve que se pode ler nunha tarde e que nos fai reflexionar na vida e na morte, esa morte que no caso de Pilar é dobre pola perda de memoria en vida.
AS OBRAS PÓSTUMAS. Diego Giráldez (Xerais). 122 páginas (6/10) Pilar Fonte é unha escritora recoñecida de algo mais de oitenta anos. Vive enfrente do Centro Psiquiátrico San Simeón. De moza observaba aos pacientes e imaxinaba as suas vidas e mesmo escribía relatos baseados nesas vidas ficticias. Xa maior e diagnosticada dunha demencia agresiva. Decide escribir unha obra póstuma. Con ela vive Natalia, quen naceu na casa cando Pilar tiña nove anos, era filla de Rosa, unha muller que traballaba na casa. Natalia axuda a Pilar en todo o que pode no día a día, mesmo e quen escribe o libro do que Pilar lle vai transmitindo. O editor de Pilar pídelle que escriba esa última obra ainda que é unha situación que a Pilar non lle gusta pois dase de conta da sua limitación Pilar comezou a traballar como periodista nun periódico local, malia non ter un título como tal escribía moito mellor que os seus compañeiros. Un dos seus primeiros traballos foi visitar o San Simeón. Nesa visita coñece a Dario, un rapaz ingresado tras sufrir malos tratos por parte da nai e do pai. Era o único enfermo que non saía a pasear e por tanto non coñecía. Con el foi con que tivo maior relación no centro e, co permiso e axuda do director, intentaba visitalo. Xa de maior Dario contoulle que a su tía Lola estivo ingresada no centro despois de que un importante xuiz a violase e a enviara internada seis meses. Pilar nin se enterou porque sucedeu cando estaba en Ámsterdam e, precisamente, cando escribía a su primeira novela. Natalia mostralle o relato que a tía Lola deixou escrito de como o pasou nesa época, como xa lle contaran o que lle permitiu seguir adiante eses seis meses foi axudar a todas as mulleres que estaban alí retidas, sen ningún informe médico, soamente porque algún home as levara alí acusandoas de estar tolas Pilar remata os seus días recordando as persoas que mais a marcaron, sen poder disfurtar das vistas pola ventá do xardín de San Simeon e pedindo que a sua obra postuma sexa publicada por unha editorial diferente da sua habitual
This entire review has been hidden because of spoilers.
En As obras póstumas, Diego Giráldez preséntanos unha breve novela na que se aúna unha escrita impecable cunha obra sobre a memoria, quen somos, como nos preparamos para deixar de selo e como nos construímos en función da relación cos demais (co que nos dicimos e co que nos deixamos de dicir).
A protagonista, a escritora Pilar Ponte, acaba de ser diagnosticada de demencia e coa axuda de Natalia busca escribir a súa última obra, unha obra que será póstuma. Para ela fai un percorrido por toda a súa vida, que sempre estivo marcada pola gran casa na que se criou e desde a que escribe. Desde ela pode observar o xardín do centro psiquiátrico San Simeón. Xa desde pequena a observación dos internos permitíralle dotalos de vida propia nos relatos de Figuras de xardín e, posteriormente, puido poñerlles cara ao longo da relación que mantivo co centro e cos internos, especialmente con Darío.
As vidas tanto dos internos coma da tía Lola, que tamén estivo internada, revelan a frecuente relación entre o internamento e unhas relacións persoais ou familiares inadecuadas ─por dicilo suavemente─.
Este escrito final non só recolle os episodios por ela vividos senón que lle permite acceder a información nova que lle fai coñecer mellor aos demais e posiblemente tamén a si mesma.
A novela está chea de ironía sobre a relación da escritora co seu editor, con sorpresa final, e contén unha interesante reflexión sobre a vida e a preparación para a irrelevancia final, no caso de Pilar, pola demencia e a morte que se intúe.
Desde logo é unha novela agradable de ler polo tratamento que se dá da enfermidade pero tamén dura polo seu contido e que non se queda no mero relato senón que fai pensar ao lector. Moi recomendable!
Esta foi unha das novidades que chegaron á @bibliotecasalceda e que tiven a sorte de estrear.
Primero acercamento á obra de Diego Giráldez e , visto o resultado, non será o último.
Nesta novela coñecemos a Pilar Fonte, unha escritora que se enfrenta a un diagnóstico de demencia agresiva e a editorial encárgalle escribir unha obra póstuma. Para iso, contará coa axuda de Natalia.
A nivel narrativo o libro ten un bo ritmo, con capítulos cortos e un estilo envolvente que destaca pola sensibilidade que desprende . É para leer con calma e deixarse levar pola historia ainda que recoñezo que a min duroume un suspiro.
Unha parte da trama lévanos a coñecer a relación da autora co centro psiquiátrico de San Simeón e os seus residentes e pareceume moi ben traído. Non so polas interesantes personaxes que ali nos atoparemos senón pola crítica social que desprende. Crítica que tamén vai dirixida a unha parte do mundo editorial que prima o negocio por riba de todo.
Gañadora de XLIII Premio de Novela Eduardo Blanco- Amor, "As obras póstumas" conforma un relato duro pero tremendamente cercano , que me levou a soltar algunha bágoa durante o epílogo.
" Os libros inacabados hai que esquecelos e deixalos descansar baixo unha poeira. O tempo que faga falta ."
📖 Hoxe veño falarvos dunha novela que deixa pouso. A protagonista é Pilar Fonte, unha escritora que, tras unha longa vida de éxitos literarios, sofre unha demencia agresiva que lle vai roubando a memoria. O seu editor, nunha maniobra usurera e sen escrúpulos, pídea que escriba unha obra póstuma, que será publicada trala súa morte.
🖋️ Pilar, non sen moito esforzo, rememora a súa vida ao carón do centro psiquiátrico San Simeón, cuxo xardín contemplaba asomada á ventá do seu cuarto, xogando a poñerlle vidas inventadas aos residentes do manicomio. Froito deses relatos rescatados e do que Pilar vai ditando a Natalia, obtemos estas obras póstumas que conforman unha novela escrita a tres mans: as de Pilar, que ao longo dos anos observou e creou un universo para esas "Figuras do xardín"; as de Natalia, quen logra plasmar no papel os relatos —ás veces desconexos— dunha mente en proceso irreversible de dexeneración; e as de Diego, que nos mergulla maxistralmente na vida desta muller e das persoas que a rodean.
✍️ As obras póstumas é coma un abrazo quentiño que nos envolve nunha atmósfera realista aínda que esperanzadora, da enfermidade, da dependencia e dos coidados. Destaca tamén pola dura crítica ao mundo editorial sen pausas nin escrúpulos, pero o que máis me impactou foi a historia de tanta xente que acabou a súa vida nun sanatorio psiquiátrico, ingresada sen diagnóstico por "enfermidade mental" que non o era. Historias que desgraciadamente trascenden das páxinas da ficción e superan calquera novela de terror que poidades imaxinar.
🏆 Gañadora do XLIII Premio de Novela Blanco-Amor, As obras póstumas consolida a Diego Giráldez como unha das voces máis destacadas da narrativa galega contemporánea. Pola miña parte, ten unha lectora agardando por novas publicacións (sen présa, teño aínda por ler O meu sangue e Galería de saldos pendentes de ler)