Ano 2076. Nunha Terra a piques de colapsar, a vida no espazo semella a única esperanza para a humanidade. Julie Alban é arquitecta de sistemas, pero tamén unha veterana piloto do Consorcio, o organismo supranacional que está a dar os primeiros pasos na conquista do sistema solar. Non obstante, a irrupción dun misterioso virus en África e unha nova tecnoloxía capaz de protexer da radiación cósmica conducirán a unha guerra de poderes que a converterá na primeira pirata espacial.
Ola. Son pai de dous fillos, médico e profesor de formación profesional. No tempo que me queda escribo novelas e, o que resulta aínda máis asombroso, consigo que sexan publicadas.
Escribín tres novelas de xénero policial: "A ira dos mansos" (Premio Xerais 2016), "O meu nome é Ninguén"(Xerais, 2018) e "A vinganza dos homes bos" (Xerais, 2020), protagonizadas polo inspector de policía Carlos Manso. O Manso é o personaxe que máis satisfaccións me está a dar como escritor, así que estou tentando escribir unha cuarta novela da serie.
No ano 2023 publiquei un libro xuvenil titulado "Setestrelo" axudado polo meu fillo máis novo. Unha space-opera para cativos na que puxen (puxemos) moitísimo corazón.
En 2024 publiquei "O xogo de Escher" (Xerais, 2024), novela gañadora do IX Premio de novela curta Cidade centenaria de Ribeira, unha distopía de ciencia ficción disfrazada de reflexión filosófica. Ou era ao revés?
En marzo de 2025) publiquei un libro de ciencia ficción clásica: Trickstar. Postais desde as estrelas, na editorial Boadicea. En setembro dese mesmo ano repetín en Xerais co libro A lei do mar, unha historia real sobre un rescate de migrantes no Mediterráneo que me foi contada por un amigo mariñeiro.
Lin con absoluto abraio "Trickstar: Postais desde as estrelas", de Manuel Esteban. O autor, máis coñecido polas súas novelas máis próximas ao xénero negro, demostra que mamou moita ciencia ficción, e bríndanos unha novela moi desfrutable desde o punto de vista lector, aínda que cun manto de desesperanza sobre a historia que conta. Se cadra a realidade actual, tan enfiada á distopía, non deixa oco para un maior optimismo. Se gustades das historias de ciencia ficción rigorosas e ben construídas, cun ritmo ameno e uns personaxes redondos, este pode ser o voso libro. O meu foino, desde logo.