Nesta novela infantil, A vinganza de Paquiño Jackson atopamos unha proposta moi divertida. Nos anos oitenta Paquiño foi un fan acérrimo de Michael Jackson e quedou apampado co seu baile en Thriller, algo que intentou emular na discoteca local, conseguindo a atención de Rosa, a moza máis popular de Rabodaleira pero os mozos rivais non van permitir que Paquiño saia coa súa e así dá cos seus ósos no cemiterio.
Xa como zombie e acompañado pola tamén zombie, a vaca Marela, non pode deixar pasar a cousa e promete vinganza. Así a todo a visión dun zombie pola aldea pode ser inconveniente polo que a novela irá debullando todas as vicisitudes de Paquiño para desenvolver os seus plans, que non sempre serán tal e como el pensara.
O mellor desta novela, claramente o sentido do humor cun protagonista tan atípico e a súa vaca. Aínda me segue dando pena a pobre dona Emilia, cuxa horta sufriu tantas desgrazas durante estes feitos aínda que a compensación dos ovos puidese reparar en certa medida tanta desgraza. Tamén moi logrado o final, que consegue sorprendernos como lectores. Como actividade previa, que menos que visionar o vídeo de Thriller para entrar no modo adecuado para iniciar a lectura!
Unha novela moi orixinal que seguramente sorprenderá a eses lectores independentes aos que lles gusten historias diferentes a todo o anterior e con bo sentido do humor.