"Somnámbulos" reúne tres relatos de textura semellante, a das voces que falan e que escoitamos falar. Todos tratan do que trata a literatura, da memoria, é dicir do pasado. A escrita literaria adoita ser como guindar un balde ao pozo que un leva dentro. Non se acostuma contar mais o traballo de escribir ficción é ir cavando nun pozo dentro de un, conforme se descende a auga vai saíndo máis fría. O caso deste libro é outro, nace arredor dun texto, "Negocios de familia", que hai uns anos tirei fóra do pozo e que logo deitei de volta para o fondo pretendendo esquecelo. Durante anos chegábame algunha voz desde aquel burato máis as urxencias da vida diaria permitíronme non lles facer caso, até que as voces se foron facendo máis claras e fortes e tiven que procurar un oco nos meus días para voltar sentarme a escribir ao ditado desas voces. Ás veces ocorren cousas así. O segundo, "Conversando coa auga", é un texto que naceu dun encargo da "Fundación Agbar", que me propuxo escribir un texto sobre "a auga desbordada". O terceiro, "Insomne" naceu de recibir os chicotazos da historia nas costas propias. O orixinal foi escrito como texto para magnetófono e como tal foi escoitado por primeira e única vez na "Sala Galán" de Santiago. Retomeino e corrixino, separándoo un pouco máis das circunstancias históricas que vivía naquel momento. Seguramente a persoas que o lean hoxe, ese ser terríbel lles resulte estraño e lonxano, hoxe o terríbel fíxose invisíbel, noutros tempos os monstros tiñan figura. (Da nota do autor).
Xesús Miguel de Toro Santos, máis coñecido como Suso de Toro, nado en Santiago de Compostela o 10 de xaneiro de 1956, é un escritor galego.
O seu pai é de Formariz (provincia de Zamora) e a súa nai de Falapaso (Camboño, Lousame). Seu irmán, Xelís de Toro, tamén é escritor.
É Licenciado en Arte Moderna e Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela. É guionista para televisión e colaborador habitual na prensa e na radio, publicou en galego máis de vinte libros de narrativa, teatro e ensaio. A súa obra, ademais de ser traducida a varias linguas, foi obxecto de estudo en diversas universidades europeas.
En abril de 2010 anunciou a súa retirada como escritor profesional, retomando a súa carreira de profesor de secundaria.
Nas Eleccións ao Parlamento Europeo de 2014 concorreu na lista Os Pobos Deciden. En abril de 2014 foille concedida a Creu de Sant Jordi.