Hai pouco entregouse un premio literario, o Planeta, que volveu abrir un debate interesante: para que serven os premios literarios? Para visibilizar voces novas e arriscadas ou para seguir alimentando a roda da novela comercial e da celebridade? Non vou entrar a valorar a obra gañadora (porque non a lin aínda) pero si teño claro que non deixará unha pegada duradeira fóra da polémica.
Porén, a @galaxiaeditorial convocou o Premio Galaxia para celebrar os seus 75 anos e si premiou unha novela que merece ser lida. O lanzador de coitelos, de Fernando Castro Paredes, é unha novela que non lle fala ao lector coma se fose parvo: é esixente, ambiciosa e require a nosa atención, esa que tanto nos custa conceder.
O narrador é un sicario contratado para raptar a un poeta húngaro cego que vive en París, antiguo interno nun campo de concentración. Todo un candidato ao Premio. Este monólogo en primeira persoa busca ir máis alá de contarnos o que está a pasar, fabula e enche os ocos da realidade que o rodea para entender o que está a suceder.
Non creo que sexa bo falar do argumento desta novela. É crucial enfrontarse a ela e descubrir o que teñen que contar os personaxes que a van atravesando. Unha trama que os leva a unha situación complicada, a un límite incómodo case sen saída.
O lanzador de coitelos é unha novela sobre a literatura como motor de creación da identidade das persoas. Unha novela que toca temas como a liberdade, o espectáculo, a sorte e o destino.
Pode non ser unha novela perfecta, xa que de cando en vez perde o fío e cae en reiteracións, pero si é unha novela que busca ir máis aló de contar una historia sen máis. E iso haino que premiar.