Desde a Fundación Moncho Reboiras e a Confederación Intersindical Galega vénse de publicar o libro "O nacionalismo galego na década dos 70". Un volume coordinado por Suso Seixo e Uxío-Breogán Diéguez, co que se pon en valor o esforzo militante que representou a articulación do frontismo nacionalista no devandito período. Tal e como se indica no libro, edítase esta obra coa intención de "pór en valor o enorme traballo de teorización e autoorganización ao que deu lugar o nacionalismo galego desde a segunda metade da década dos anos 60 do pasado século e que cristalizou na década dos anos setenta, dando lugar a unha forte mobilización social. Un esforzo que sentou as bases do nacionalismo galego nas seguintes décadas, até a actualidade, en todos os ámbitos".
O libro suma a colaboración de destacados cadros do nacionalismo galego nos anos setenta: Lois Diéguez, portavoz nacional da AN-PG; Pilar Allegue Aguete, responsábel nacional de organización da AN-PG; Manuel Mera Sánchez e Suso Seixo Fernández, ambos membros da Dirección Nacional e Permanente da ING; Bernaldo Fernández Requeixo. I secretario xeral do SLG; Emilio López Pérez. II secretario xeral do SLG; Xosé Miranda Ruiz, membro da Permanente da D.N. de ERGA e Xulio Ríos, membro da Permanente da D.N. de ERGA e I secretario xeral da organización estudantil; Millán Picouto, expresidente da A.C. Auriense e María Pilar García Negro, expresidenta da A.C. Alexandre Bóveda; Carlos Vales, exsecretario xeral de ADEGA e Ramón Varela Díaz, expresidente de ADEGA.
Libro esencial para gardar a lembranza dunha década fulcral para o espertar político de Galiza. Intelixentemente fálase das diferentes vías que o nacionalismo foi buscando para representarse e gañar peso político e social, xa fose pola parte estudantil, a ecoloxista, a cultural, a sindical ou a política. Peca, nalgún intre, de ser algo personalista e afondar cun criterio menos científico do que podería chegar a esixírselle. Con todo, iso tamén humaniza a quen estivo aí sementando e segue a poder contarnos esa parte da historia que fai que, porque foron, hoxe tamén sexamos.