«As cousas do mar non se contan na terra», dixo o Machín de Muxía.
Galiza é unha pedra chantada no Atlántico e un espazo mariño que abrangue todos os océanos. Quizá un mariñeiro do Berbés non saiba onde queda Fonfría, aló arriba na montaña, mais todos saben de Capetón, Cape Town, na fin de África. Un mariñeiro do Muro non saberá, quizá, de Olelas, na raia de Portugal, mais todos saben de Antuerpe, que é como lle din en galego do mar a Amberes, o gran porto do Norte.
Prodixioso saber gremial, absolutamente vedado a terrícolas e terrícolos. Cómpre romper con esta fronteira de silencio. E cómpre principiar a mollarse na auga máis doméstica: o Gran Sol. Caladoiros tan humanizados polos nosos avós que dende hai moitas décadas teñen nome en galego. Embárcate nestas palabras. Alén do paralelo 48º N, o Mar das Galiñas, a Cona da Vella, a Ferradura agardan.
Está subindo a marea, ti non quedes varado en seco.
Xurxo Manuel Souto Eiroa, máis coñecido como Xurxo Souto, nado na Coruña o 25 de xullo de 1966, é escritor, músico, locutor galego.
Licenciado en Filoloxía Clásica. Foi o líder e vocalista da banda de rock Os Diplomáticos de Monte-Alto entre 1990 e 2001, e gran difusor da música galega de agora e sempre. Outra das súas facetas a destacar é a de escritor. Ademais de ter sete libros publicados, ten colaborado con artigos en diferentes publicacións, como a revista Bravú.
Dende 1986 comezou a traballar en diversos programas de radio en galego, sendo o máis coñecido e lonxevo A tropa da tralla, xunto a Aberto por reformas e Mil ribeiras, na Radio Galega. Desde outubro de 2005 até abril de 2009 foi Director de Programas desta emisora.
No eido audiovisual dirixiu a serie de programas Repichoca, sobre música popular, para a TVE en Galicia; a película documental Pucho Boedo, un crooner na fin do mundo, e o documental Dos gaiteiros do mar.
Alén de Os Diplomáticos de Monte-Alto, tocou -voz e acordeón- no conxunto "Os Tres Trebóns". Actualmente forma parte da "Banda Xangai".
En outubro de 2003 participou, xunto con Manuel Rivas, na reinauguración da emisora comunitaria Cuac FM (A Coruña), da que ambos se converteron en padriños e socios de honra.
Tamén traballou como actor en producións galegas como a serie de éxito Mareas vivas ou o telefilme Entre bateas, de Jorge Coira.
Contos, historias e historia. Nó na gorxa. Para un terrícolo coma min, que ademáis viveu sempre a carón do mar, foi unha grata experiencia ler este libro. Moito respeto á xente do mar.