«Nós, os tolos» narra en primeira persoa o día a día de Marta, terapeuta ocupacional nun equipo de saúde mental comunitaria que percorre o rural galego atendendo persoas con trastornos mentais graves. A través de historias como as de Berta, Modesto, Uxía, Aldara, Anxo, Samuel, Milagres ou Darío, a obra mostra vidas marcadas pola dor, o estigma e o illamento, pero tamén pola tenrura, o humor e a resiliencia. Ao mesmo tempo, Marta vai revelando a súa propia fraxilidade, convertendo o libro nun retrato coral e humano onde profesionais e pacientes comparten algo esencial: todos forman parte dese «nós» que intenta seguir adiante, acompañando e deixándose acompañar.
Cando collín nas mans Nós, os tolos, esta primeira novela de Tania Castelo merecedora do premio Xuventurde Crea 2025 de Novela Curta publicada agora por Xerais, non era consciente de que estaba a punto de ler unha novela que chega tan fondo.
En Nós, os tolos, Marta é unha terapeuta ocupacional que xunto con Laura e Iago forman un equipo de atención domiciliaria a enfermos de saúde mental. Os casos que percorren son variados e o libro comeza como un diario no que se relata cada unha das visitas a diferentes pacientes. Os casos son do máis variado e cada un deles presenta características que nos fan empatizar ata o punto de que non puiden evitar deixar saír algunha bágoa. Entre os pacientes atopamos diversas patoloxías que os levan desde a necesidade de buscar o seu lugar na vida desde o silencio a no medio da euforia, no control ou mesmo vivindo nun medo permanente a volver caer. Paralelamente, cada visita que se sucede vainos presentando novas facetas dos propios terapeutas, da súa relación e dos seus problemas, porque ninguén estamos libres da inestabilidade mental.
A profunda amizade de Marta con Darío e o seu suicidio deixan en Marta un baleiro que nos levará a vela da súa dimensión persoal, a comprender o seu interese por este traballo e a súa relación cos compañeiros.
Gustoume desta novela o ben presentada que está a saúde mental, o ben retratado que aparece o papel do coidador que paga o "prezo de facer centro do teu mundo a alguén: as túas estacións detéñense e todo o calendario pasa a ser alleo, coa axenda marcada polas súas citas, os seus medicamentos, as súas rutinas. E o máis curioso é que, cando por fin tes un intre para ti, non sabes ben que facer con el." Tamén vemos a importancia do presente, da dificultade de aceptar ao que é diferente ou de, simplemente, estar aí para cando poida facer falta.
O meu personaxe favorito? Creo que me decantaría por Darío, que supón o punto de inflexión para vermos unha Marta diferente, complexa ela e non tan allea aos problemas dos pacientes cos que trata.
Encantoume e emocionoume bastante. Se ao final todos estamos un pouco tolos e gardamos e gardamos e iso non é bo. O que hai é que compartilo, botalo fóra.
Merecido premio Xuventude Crea! Oxalá a autora escriba máis historias.