En diferentes puntos do litoral das Rías Baixas, despois dunha noite de treboada, aparecen os cadáveres dun experimentado navegante danés e dun veterano percebeiro de Baiona. As sorprendentes coincidencias entre eles e as circunstancias das súas mortes provocarán moita confusión na investigación que levan a cabo o inspector Antúnez, da Policía Nacional de Vigo, e a tenenta Lomba, da Garda Civil de Baiona. O que nun inicio son dous accidentes no mar, axiña se revela como un quebracabezas de rancores, morte e vinganzas que percorren xeracións. O pasado viquingo da vila baionesa, unha foca que perdeu o rumbo en augas galegas, un antigo e desgraciado naufraxio e un Porsche Panamera tecen unha trama da que emerxe a verdade, como un cadáver, cando cesa o temporal. Raquel Fernández constrúe en «Onde bate o mar» unha emocionante novela de intriga, onde a psicoloxía dos personaxes é perfilada con buril aguzado e onde o territorio é parte imprescindible da historia.
📚Canto me tardou ter entre as mans este Onde bate o mar de Raquel Fernández, pero confiaba que me gustase tanto coma os seus libros xuvenís anteriores e desde logo non me decepcionou!
En Onde bate o mar atopamos dous crimes case simultáneos con demasiadas coincidencias tanto temporais como respecto a que as vítimas son ámbalas dúas danesas. Morten Holm levaba xa unha década vivindo en Baiona mentres que Mikkel Vincens acaba de chegar no seu barco á vila. Como ben sabemos os lectores de novela negra as casualidades non existen, algo que loitarán moito por comprender desde o equipo do inspector Antúnez e a tenenta Lomba aínda que en principio non parece haber conexión entre ambos homes.
A presenza de viquingos na zona no pasado, as estrañas runas que aparecen, dous naufraxios antigos na zona e o traballo dos percebeiros furtivos proporcionan un fondo de elementos aparentemente inconexos que a narración irá pouco a pouco tecendo para construír relacións entre eles. Paralelamente os investigadores terán que solventar os seus conflitos persoais desde Galicia e Dinamarca de forma paralela á resolución contra reloxio do crime antes de quedar relegados no caso de que non se resolva.
Ben escrita, con capítulos áxiles e unha resolución sorprendente, esta novela engancha desde a primeira páxina permitindo ver a unha narradora que consegue crear personaxes interesantes e unha trama que nos mantén enganchados sen poder pousar o libro.
O mellor para min foi a visión que temos do interior dos personaxes, da dificultade das relacións interpersoais e deses sentimentos expresados unhas veces, reprimidos outras. Que gran paseo por Baiona e por terras escandinavas!
Unha excelente novela de misterio que engancha de principio a fin. Encantoume a relación que establecen a teniente Lomba co inspector Antúnez e os toques de humor que se mezclan cos momentos trepidantes. Seguirei de cerca a autora.
🔹Raquel Fernández é unha autora que conta cunha traxectoria na poesía e novela xuvenil e con moitas delas acadou importantes premios, desta vez atrévese cunha trama de intriga na que, para min, entra pola porta grande do xénero.
🔹”Onde bate o mar” nos mergulla nunha trama que empeza ca aparición de dous cadáveres, un navegante danés e un percebeiro de Baiona. As moitas coincidencias entre eles sorprenderán os responsables da investigación. A medida que as pescudas avanzan se entrecruzan o pasado viquingo da vila baionesa con rencores e desexos de vinganzas que percorren xeracións.
🔹Raquel achéganos unha historia que desperta o interés xa dende as primeiras páxinas. Gustoume especialmente a dosificación progresiva do misterio así como se vai desenvolvendo a investigación.
🔹Os personaxes están moi ben perfilados cunha identidade ben definida. A mirada feminista está moi presente e cuestiónanse os estereotipos de xénero.
🔹 Baiona e as Rías Baixas son os escenarios e Copenhague ten protagonismo nunha parte da investigación. Agora o mar e o que ten un papel preeminente, tanto exerce atracción como agocha perigros e segredos.
🔹O resultado é unha trama que engancha, que xoga co lector, dosifica as revelacións, alónxase de certos clichés e consegue manter a intriga ata o sorprendente final. Na miña opinión, é unha novela excepcional no xénero de intriga e que agradará a calquera amante do mesmo.