Remuíño de sombras presenta a imaxe colectiva da comunidade galega de Buenos Aires. Novela que reconstrúe unha xeira histórica da diáspora dos galegos. Despois da historia dun home na emigración que é Camiño bretemoso, Neira Vilas ofrécenos a novela da emigración no seu conxunto, “composta cunha técnica de parqué”, en palabras de Basilio Losada. Vidas cuns camiños que se encerellan, lembranzas comúns, xenreiras, incomprensións, anhelos ―o de volver ou o de non volver―, homes apodrecidos na riqueza ou temperados na adversidade, todo un mundo sinfonicamente reflectido, amorfo, sen heroes cumpridos e escintilantes, coa grisalla morna dos días en sucesión abafante, co seu triunfo insuficiente, ou co fracaso esmagador.
Naceu en Gres, Pontevedra, en 1928. É membro numerario da Real Academia Galega, Doutor Honoris Causa polas universidades da Coruña e da Habana, e Fillo Predilecto do Concello de Vila de Cruces. Entre outros galardóns recibiu a Medalla Castelao, o Pedrón de Honra, o Premio Trasalba. Premio da Crítica Española (novela en galego) e Premio da Crítica Galega (ensaio). É un dos escritores clásicos da literatura galega. Emigrou a Arxentina en 1949, onde fixo a carreira de Xornalismo. Foi Secretario Xeral das Mocedades Galeguistas, e Secretario da Comisión Organizadora do histórico Congreso da Emigración Galega. Casou coa escritora cubana, de ascendencia galega, Anisia Miranda, en 1957. Xuntos fundaron ese mesmo ano “Follas Novas”, editorial e distribuidora do libro galego no continente americano. Colaborou na prensa galega de Buenos Aires e publicou nesa cidade o poemario Dende lonxe, en 1960, e a novela Memorias dun neno labrego,en 1961, ano en que Neira e Anisia van vivir a Cuba. Alí funda é dirixe a Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística. Desempeña diversos traballos na administración, colabora na prensa, e exerce durante seis anos a xefatura de redacción da revista infantil Zunzún. Dende 1992 reside na súa parroquia natal, onde preside a Fundación que leva o seu nome. (A súa compañeira Anisia faleceu en 2009).
“néganlle valemento á terra onde temos nado. veñen negándollo dende hai tantos anos que ninguén pode contalos; dende máis alá dos avós dos nosos avós. acocharon a galicia coma se fose unha vergonza, unha ferida. así son as cousas. e ben que doe.”
encantoume, paréceme que ten unhas reflexións brillantes e de grandísima calidade. falloume un pouco a narración, por ser demasiado caótica e fragmentaria como para identificar e distinguir aos distintos narradores (aínda que creo que realmente é a impresión que pretende deixar no lector, porque o caos é parte da historia)
Este libro presenta unha serie de historias sobre galegos emigrados a Bos Aires na época da guerra. Aínda que a técnica narrativa me pareceu liosa, posto que salta dun narrador noutro sen moita claridade, penso que forma parte do propósito do autor e o conxunto gustoume bastante.
"Vese como escrebindo na nosa fala de sempre o pensamento canxa mellor coas palabras, e o que tencionamos decir cai no papel igoal ca dun pincho. Ás veces cavilo se non será porque a lingoaxe vai por dentro dún talmentes vai o sangue, e sendo así nacería conosco, baixando logo de pais a fillis coma por un rego. Todo pode ser"
Un libro fragmentario da historia colectiva de varios migrantes galegos na pre e posguerra cara Bos Aires. Bastante insípido, mais con todo, ten unha serie de escenas abondo potentes. Mágoa que sexa tan repetitivo e tan pouco satisfactorio.