Se buscabas un deus non é exactamente a continuación de Atuado na braña, nin sequera –por moito que deixe resoltas as súas incógnitas– o seu complemento. Trátase dunha novela diferente, que fará que o lector matine nun futuro demencial que está aí ao lado, como agardando, para someter a vida e a persoa. A procura de Ivo, o rapaz protagonista, que arrinca do que semella un traballo universitario, convértese así nun pretexto para denunciar o que paseniñamente, se cadra sen decatarnos, acontece e deixamos pasar. Mesturando realidade e ficción, cun estilo novidoso e sorprendente forza narrativa, Se buscabas un deus vai atrapando ao lector no fío dunha inusitada trama que, ao tempo que presinte a desfeita, camiña parella á escolla do que nos quedará: resignarse ou buscar o amor e a liberdade. Tras o formidable éxito do seu debut con Atuado na braña, Xabier Quiroga nesta súa segunda novela longa, confírmase como un dos narradores galegos máis sólidos e de mellor acollida entre os lectores.
Xabier Quiroga Díaz, nado no Saviñao o 9 de maio de 1961, é un escritor galego, irmán do tamén escritor Carlos Quiroga.
Licenciado en Filoloxía galega, é profesor de lingua e literatura galega no IES Laxeiro de Lalín. Colaborou na revista O Mono da Tinta que dirixía o seu irmán Carlos Quiroga e tamén na sección local do Faro de Vigo de Lalín. A súa primeira novela, Atuado na Braña, foi finalista do Premio Xerais en 2001.