O lector acompaña a un grupo de busca-fortunas ata os límites das súas vontades, prisioneiros da selva.
Unha novela sobre a cobiza dos homes que se deixan deslumbrar polo fulgor dos diamantes e que se acaban transformando nuns seres alucinados, sen conciencia da súa dignidade humana, encarcerados nun auténtico labirinto vexetal.
Francisco Xavier Alcalá Navarro, máis coñecido como Xavier Alcalá, nado en Miguelturra (Cidade Real) o 19 de agosto de 1947, é un escritor galego.
Viviu en Ferrol dende a infancia, e estudou no Instituto Concepción Arenal desa vila. Estudou Enxeñaría de Telecomunicacións na Escola Técnica Superior de Enxeñaría e Sistemas de Telecomunicación da Universidad Politécnica de Madrid. Doutorouse en Informática no Departamento de Electrónica e Sistemas da Facultade de Informática da Universidade da Coruña. Foi profesor asociado de dita facultade, e impartiu docencia tamén na Facultade de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade Católica Arxentina e a Escola de Organización Industrial de Madrid.
Traballou como auxiliar de laboratorio en Generale di Telefonia de Elettronica (1973-74), foi enxeñeiro de mantemento en Onuba (Teledyne Isotopes) (1974-75), director técnico rexional da Compagnie Xeral de Radiologie (Thomson-CSF) (1975-77), delegado rexional de Hispano Electrónica (1977-81), director comercial de Gaélico (1981-84), delegado técnico-comercial de Sintel (1984-86), director técnico da Compañía de Radio-TV de Galicia (1986-88), subdirector de Sintel Noroeste (1988-94), consultor asociado a Lógica Sistemas de Información (1994-95), director técnico do Centro de Innovación e Servizos de Galicia (1995-2003), conselleiro de Emetel Sistemas e asesor de Tecnoloxías da Información e a Comunicación do Centro de Innovación e Servizos de Galicia.
Colaborou con xornais como El Correo Gallego, El Mundo, Diario de Ferrol e La Voz de Galicia. Entre 1976 e 1979 foi responsábel da sección Arco da Vella en El Ideal Gallego. No Grial 229: O país dos alcumes.
Foi o primeiro presidente da AGAL. Escribiu cancións para Andrés do Barro, como "Teño saudade", "A uns ollos verdes", "Rapaciña" ou "Fogar de Breogán".