«Declárome culpable: / asasinei o eu lírico». Estás convidada, querida persoa lectora, a participar neste crime e a acumular a ficción da cultura de masas e da "high art". Avisada quedas desde agora: has ter que tomar decisións: unha corredoira ou a outra. Nunca no medio. Soltarás cancelas (enxértese unha advertencia aquí) e bosquexarás sorrisos neste enredo paranoico dos artefactos artísticos preparados para estoupar en calquera momento. Sen artificios. Con sinceridade animal. Estás preparada, entón, miña querida persoa lectora, para darlle ao play e comezar o xogo?
Elisabet Ríos Liste, coñecida como Eli Ríos, nada en Londres en 1976, é unha escritora galega.
Trasladouse con poucos anos ás terras de Ordes e, despois dun periplo por diversos territorios da lusofonía (Porto, Lisboa, Azores, Cabo Verde), instalouse en 2003 ao pé do Castro de Elviña. Actualmente, desenvolve a súa actividade desde Cambre, A Coruña.
Colabora en diversas obras colectivas, realiza obradoiros de escrita, contacontos infantís e forma parte da revista dixital de crítica literaria A Sega. En 2018 colaborou na revista Ligeia.