O proxecto «O proceso de normalización do idioma galego (1980-2000)» é unha análise cualitativa e global das políticas lingüísticas autonómicas e o seu impacto no prestixio, coñecemento e uso da lingua, polo que constitúe un instrumento de información, avaliación e de reflexión sobre a evolución da situación social do galego nos últimos anos, e sobre as posibilidades de mellorar o status da lingua no futuro inmediato. A presente achega dedicada á análise da política lingüística serve de marco ó conxunto da investigación e procura determinar as posicións glotopolíticas fundamentais orientadoras dos principios, disposicións e actuacións en materia de lingua da Administración galega, así como a posición dos axentes políticos, sociais e cívicos fronte ó proceso de normalización. Este traballo complétase coa edición dos estudios sectoriais en sucesivos volumes.