L. C. é unha rapaza de quince anos que traballa desde os oito nunha fábrica téxtil de Londres en plena Revolución Industrial, onde as nenas escravas son parte da produción en cadea. A vida de L. C. dá un xiro cando cae nas súas mans unha carta escrita por Prometea Stoner, unha muller de familia acomodada propietaria dunha cadeira de rodas motorizada, unha saúde fráxil, toda unha lenda sobre as costas e unha vontade de ferro. As súas vidas non poden ser máis diferentes, pero ambas as dúas buscan a liberdade, a existencia e o recoñecemento que a sociedade lles negaba a elas e a todas as súas compañeiras.
Emma Pedreira (A Coruña, 1978). Filóloga, poeta e narradora. Membro da Plataforma de Crítica Feminista A Sega. Forma parte da denominada Xeración Poética dos 90.
En xuño de 2018 gañou o Premio Xerais de novela, por Besta do seu sangue, obra da que o xurado asegurou que supón unha proposta "de carácter transgresor caracterizada pola súa multiplicidade de voces, polo seu esencialismo narrativo e por exhibir diversos rexistros".
En 2019 gañou o premio Jules Verne de Literatura Infantil con Os corpos invisibles no que o xurado salientou "a orixinalidade da perspectiva adoptada para o desenvolvemento da trama; a innovación no seu achegamento a un clásico universal e ás autoras inglesas da época vitoriana; o firme feminismo da obra; o retrato social focalizado en problemáticas femininas e a visibilización do papel das mulleres".
Os corpos invisibles, de Emma Pedreira, foi o libro que o xurado do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2019 premiamos e que se publica agora nesta entrañable colección da que vos falaba antes. E nada é casual, a verdade. É necesario que desde as idades máis novas se teña conciencia do longo camiño que aínda temos que percorrer para recuperar os referentes femininos, en todas as facetas da vida pero, máis concretamente, na literaria. Eses corpos que o patriarcado se empeñou en facer invisibles comezan a saír do mundo dos mortos nun claro exercicio de xustiza poética e tamén vital.
A verdade é que este libro, na miña opinión, empezou ben e no medio, parece que a autora non sabía como ía encamiñarse a historia. Non me gustou como se caracterizou a Promotea Stoner. Houb un par de momentos onde a escritora intenta engañar o lector e sorprendelo, a pesar de que, nestas situacións falla de modo que non teña sentido.
A verdade é que tiña bastantes expectativas, e tristemente non foron cumplidas. As veces sentía que o que lía non tiña ningún punto e creo que algunhas cousas sobraron . Igualmente, podo dicir que me gustou e que considero que é un libro importante.