Supoño que hai moitas maneiras de ler esta colección de poemas. A miña é desde a identificación coa curiosidade, co afán exploratorio, con intentar coñecer mellor o mundo non porque sexa a mellor maneira de coñecerse a un mesmo, senón porque é a mellor maneira de amalo, ou sexa, a razón para habitalo e, polo tanto, para vivir. Eu atopo neste libro ese mirar cara ao exterior que transforma información en beleza. Descoñezo se Alba Cid ten un coñecemento profundo dos temas que toca, pero máis ben parece unha diletante que vai picando flores e tecendo cabos sen afán de sentar cátedra: isto paréceme marabilloso. En todo caso, máis aló da destreza da estrutura, do ritmo dos poemas, da fermosura das imaxes e do interese da información que transmite (carricantas que pasan 17 anos en estado larvario, cadros tecidos con tea de araña, cartas de navegación de paus trenzados etc), vexo un sentido na colección (ademais da oda á curiosidade polo mundo): unha exploración sobre a comunicación e a incomunicación, sobre formas atípicas de comunicarnos e sobre malos entendidos históricos e íntimos.
Os meus favoritos: "Historia apócrifa dos tulipáns ou as alucinacións nos Países Baixos", "Historia apócrifa do descubrimento das migracións ou o sacrificio das pfeilstörche", "Historia apócrifa das venus atrapamoscas ou o campo magnético da necesidade", "A inmersión de Safo" e "Cartas de navegación polinesias".