No desterro é un libro de poemas escrito por Ramón Cabanillas, publicado en 1913. Inclúe textos publicados anteriormente na revista Suevia e outros escritos expresamente para a súa publicación.
A obra pertence á primeira etapa da obra poética de Cabanillas. Mestura varios temas, desde a reflexión íntima ou o fresco paisaxístico e de costumes ata denuncias de tipo social, de carácter agrarista e anticaciquil, que continúa a temática cívica de Curros Enríquez. Aparece a idea de Galicia como unidade colectiva e unha chamada á rebelión.
É complexo un xuízo válido para un libro que, na realidade, diverxe estruturalmente -non tanto no que respecta ao contido- entre 1913 e 1926. A primeira versión do poemario vai encabezado por un texto, "Camiño adiante", que pode servir como obertura e como autopoética para dar paso a un conxunto dividido en partes: Lexanías, na que se mesturan o persoal, o patriótico e o lendario; O que non morréu, que inclúe unha soa alegoría histórico-política titulada "A Cadea"; Paisaxes, unha serie de escenas bañadas nun agudo realismo de resonancia currosiá; Follas soltas, o capítulo máis reivindicativo. Finalmente, Rimas ofrece íntimas reflexións sobre a morte ou o paso do tempo.
A edición de 1926 contén catro divisións, a primeira composta por pezas intimistas e saudosas, expresando os sentimentos da infancia e a mocidade, con exaltación do medio rural e descrición paisaxística. A segunda parte, co título de Madrí, ten un ritmo narrativo máis acelerado que reflicte a vertixe da metrópole. Nestas pezas expresa a súa etapa en Madrid, onde contou co apoio do deputado Leonardo Rodríguez e desde a distancia de Enrique Peinador. Manifesta o seu sentimento de estranxeiro, coa incomprensión das preocupacións da Corte e a saudade polo afastamento da terra. A terceira parte, co título Apuntes, inclúe na opinión dalgúns estudos elementos da estética modernista, aínda que a presenza de trazos de modernismo (na acepción hispana) en Cabanillas e, en xeral, na poesía galega, é moi cuestionado. Os poemas que a 2ª edición presenta reunidos e baixo o subtítulo O cravo no corazón son composicións tardorrománticas.
Malia certas rupturas do metro que xa anticipara no XIX Rosalía de Castro, formalmente Cabanillas abala nesta obra entre a estrofa clásica (preferentemente o soneto) e a popularizante (romance, versos de muiñeira...).
Ramón Cabanillas (Fefiñáns, Cambados, 1876-Cambados, 1959) foi funcionario do Concello de Cambados e, aos trinta e catro anos, emigrou a Cuba, onde viviu ata 1915. Na Habana publicou os poemarios No desterro (1913) e Vento mareiro (1915). De volta a Galicia, foi colaborador de A Nosa Terra, converténdose na voz lírica do movemento das Irmandades da Fala. Autor de Da terra asoballada (1917) e Na noite estrelecida (1926), libro no que Cabanillas reelabora os mitos do ciclo artúrico; no 1927 publica A rosa de cen follas, poemario intimista de tema amoroso. No ano 1920 foi elixido membro da Real Academia Galega e, no 1929, da Real Academia Española. Despois da súa estadía en Madrid na década de 1940, comeza unha nova etapa como poeta coa escolma de cantigas populares Antífona da Cantiga (1951), Da miña zanfona (1954) e Samos (1958), o seu último libro publicado en vida.
No máis fondo, no máis fondo lévote dentro de min: entrache un día xogando, por sempre quedache alí. Xa o sabes. Crava o puñal! sin ter compasión de min, pero non o enterres moito porque te podes ferir!