Unha historia que o seu autor define como pulp e que toma o Camiño de Santiago coma un pretexto para explorar a natureza humana a partir de dúas mulleres que, levadas polo azar e pola paixón, farán o Camiño xuntas. Polo medio, un caso de terrorismo internacional inesperado. Unha reflexión tamén sobre o poder do erotismo e das moitas formas do amor.
Carlos González Meixide, nado en Vilagarcía de Arousa en 1977, é un escritor, xornalista e humorista galego. A súa primeira obra foi o libro infantil A Miragaia, publicado en 2004. Coa súa primeira novela participou en varios concursos literarios, chegando a obter unha mención especial no Premio Blanco Amor. Nas súas achegas ao campo audiovisual cómpre salientar a curtametraxe O meu nome, o meu mundo, que en 2001 participou no Festival de Cinema e Vídeo de Nova York; ou o seu labor no programa Onda Curta, centrado nas curtametraxes, que emitiu a TVG. Como humorista integra o dúo musical Os da Ría con Tomás Lijó.
Estaba por poñerlle dúas estrelas, porque é un pouco para pasar o tempo e algunhas partes da trama son algo inverosímiles. Pero veña, doulle tres por ter un tratamento máis que digno da temática LGTBI.
Acabei este libro sen saber se é a novela "pulp" que o propio autor define, ou unha xenialidade escrita para gañar o Premio de Novela Camiño de Santiago ríndose do propio Camiño e de toda a suposta mística que o rodea. Lese ben, rápido e ten unha trama de misterio que tira pola lectura. Ri de toda unha serie de temas que lle van ser moi próximos aos lectores potenciais (os profes de galego, o conflito BNG-Mareas, o polbo e o churrasco...), pero a historia amorosa, a maneira en que evoluciona e o xeito en que se resolve é tan de novela barateira como se nos advirte na contracapa.