Xosé Luís Méndez Ferrín é un dos nosos escritores mais representativos, posuidor dun mundo propio cheo de forza e de suxerencias. Esta edición é unha escolma dalgúns dos seus mellores contos, pequenas obras mestras da nosa narrativa contemporánea, presentados cun estudio previo, preparado por Sonsoles López, onde o lector encontrará moitas das claves e das significacións secretas do noso autor.
É un político e escritor galego amplamente recoñecido como un dos referentes da literatura galega contemporánea; é membro da Real Academia Galega desde o 30 de setembro de 2000, da cal é presidente dende o 23 de xaneiro de 2010.
De neno viviu na casa materna na rúa da Reza de Ourense. O seu pai, Venancio Méndez Feijóo, era fillo dun comerciante de Vilanova dos Infantes; e a súa nai, María Ferrín Novoa, era filla do mestre e xornalista Ángel Ferrín Moreiras. Na cidade de Ourense fixo o primeiro curso de Bacharelato, e en 1949 trasladouse coa súa familia a Pontevedra, onde rematou os estudos de grao medio no Instituto da cidade. Nesa etapa foi tomando conciencia da realidade lingüística e cultural e do papel que o galeguismo de preguerra, coa silenciada figura de Castelao ao fondo, desempeñara na reconstrución nacional. Alí formouse na biblioteca de Andrés e Jesús Muruais, e publicou os seus primeiros textos na revista Litoral co pseudónimo de Laín Feixoo.
En 1955 a súa familia trasladouse a Vigo, e el foi estudar Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela. Alí tomou contacto co galeguismo cultural nucleado na Editorial Galaxia en torno á figura de Ramón Piñeiro, pero non tardou en reclamar unha nova articulación da oposición política ao franquismo e do propio nacionalismo, o que provocou a súa expulsión, xunto con outros mozos, do Consello da Mocedade. En 1956 foi primeiro premio de poesía nas Festas Minervais de Santiago. En 1957 foi vivir a Madrid e tres anos despois licenciouse en Filoloxía Románica. Nesta cidade mantivo estreito contacto cos focos galeguistas e de esquerda alí localizados. Así, en 1958, creouse o grupo Brais Pinto, constituído en torno á editorial do mesmo nome. En 1961 seguiu un curso de cultura inglesa na Universidade de Oxford, e entre 1963 e 1965 fixo diversas viaxes por Europa. Tras facer o servizo militar nas illas Canarias, entre 1962 e 1964 foi mestre no Colexio Fingoi de Lugo, até que en 1965 obtivo a Cátedra de Lingua e literatura Española do Instituto Santa Irene de Vigo instalándose finalmente nesa cidade.
Debido á súa actividade política foi procesado en tres ocasións -a última, cando xa estaban en vigor as institucións democráticas españolas-, sufrindo torturas e varios ingresos no cárcere.[Cómpre referencia] Durante a súa estancia no penal de El Dueso (Cantabria) escribiu Retorno a Tagen Ata e Antón e os inocentes.
Recentemente xubilou e retirouse do seu posto de profesor de literatura no Instituto Santa Irene. Tamén é columnista no xornal Faro de Vigo e dirixe a revista de pensamento crítico A Trabe de Ouro, que ten marcado de xeito notábel na última década o devir da nosa cultura coa difusión de problemas e investigacións sobre cuestións diversas con aproximacións interdisciplinares e baixo unha dupla perspectiva nacional e universal. Ferrín é membro da Real Academia Galega e Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo. É Doutor en Filoloxía.
Xosé Luís Méndez Ferrín foi proposto ó Premio Nobel de Literatura pola Asociación de Escritores en Lingua Galega. Foi galardoado con moitos premios coma o Premio da Crítica, Premio da Crítica Española, Premio da Crítica de Galicia, Premio Losada Diéguez ou o Premio Eixo Atlántico. No 2008 recibiu o Premio Nacional de Literatura, que integra os Premios Nacionais da Cultura Galega.
Xa en 1958 formaba parte do grupo plástico-literario Brais Pinto, de tendencia nacionalista e moi influído pola estética beat. Nas súas viaxes por Francia e Inglaterra tomou contacto co marxismo, un feito transcendental para a súa biografía mais tamén para a evolución do nacionalismo galego na segunda metade do século XX. En sintonía con exiliados coma Luís Soto, Méndez Ferrín xulgou única saída posible para a Galicia contemporánea a fusión entre galeguismo radical e marxismo-leninismo, consonte os movementos de liberación nacional que triunfaban en Cuba, Vietnam ou Alxeria. Este proceso ideolóxico culminou, en 1964, na creación da Unión