Recoñezo que os libros de Rebeca Baceiredo me intimidan. Porque aprezo a Rebe no persoal e no intelectual, tentei no seu día ler algúns dos seus ensaios e non fun capaz de entrar neles. Síntome incapaz de seguir o seu discurso e os referentes que cita porque me falta bagaxe. Quedo descolgado.
Así que levei unha sorpresa cando vin que publicaba un libro de relatos e lin as palabras entusiastas que lle dedicaba Ana Salgado. Únome a elas: "Éxodo" vale a pena, creo que é unha obra maior lanzada desde a periferia e que, quizais por iso, pode que pase desapercibida en escaparates, faladoiros e premios. E non debera.
En "Éxodo" hai 51 pequenos relatos presentados como viaxes, éxodos, en sentidos moi diferentes. Diría que os atravesan certo sentido de loita ou resistencia, de busca da xustiza. Sorprendeume a variedade de rexistros e o ben que se manexa en todos eles, ao tempo que os profana. Moitas das historias rematan como un vaso de cristal escachado contra o chan: como fragmentos expandíndose en todas direccións. Así rachan as ideas, o discurso, o fío narrativo, e moitas veces non sei que fragmento seguir, pero a sensación é igualmente satisfactoria. Polo medio, quedan parágrafos e sentencias apabullantes.
Entre os relatos de "Éxodo" destaco: "Fundación: a loita pola liberdade" ("Quixeron fuxir do deserto, mais o deserto perseguiunos."), "Os matrimonios mercantes" ("só se faltou a si mesma, pero apenas se decatou, porque nunca se tivera."), "A proba" ("O motor do mundo será o amor, ou a gravidade, quen sabe. O que é seguro é que o medo e a envexa son as cargas que amoderan o seu movemento cara a algures."), "Eu vina antes de morrer", "MSX357" ("Perfección e produción."), "A presa e o cazador", "Network", "A morada da morta", "A preparación dos sacrificios", "No more heroes", "As lapas ardentes de deus", "Electrocosmic" (-Cara a onde imos?, pregunto Gal, / -Cara alí, respondeu Beth /-Por que? / -Porque podemos."), "Salomón o dragón", "O prezo da tranquilidade", "Deixa que chegue o fume ao ceo" ("Clara non tremía, aferrábase a eses dignos pensamentos capaces de erguerlle o queixo, coma se fose liderar algunha outra liberdade distinta á morte.") e "O metálico sabor da fame".