«Pero cando Pedriño non podía máis, velaí veñen aínda catro fontes acuguladas de papas de arroz, e os ollos do comellón lanzaron moxenas de carraxe.
Pedriño doulle un rebelisco á tía e díxolle fóra de si:
—¿Por que non me avisou? ¡Co que me gustan a min as papas de arroz!»
Hai máis ou menos un ano atopei este libro nun armario cheo de cousas na habitación do meu irmán. É un dos libros que lle regalaron hai moitos anos. Deste xeito, Os dous de sempre chegou a min de forma bastante casual. Pero como gocei da súa lectura!
Esta novela, a única que escribiu Castelao, preséntanos a vida de dous personaxes desde a súa infancia ata a súa vellez. Pedriño é un pouco vago e lambón, e Rañolas ten as pernas tortas e é moi pobre. Castelao narra unha novela na que se ven dúas formas diferentes de vivir, sobre todo, de gañar a vida. Non sei se é polo ton da novela ou polos personaxes, pero nun puiden deixar de pensar en A esmorga.
Inda que ás veces amose situacións algo tristes e miserables da vida que moitos levaban naquela época, non deixa de ser unha historia bastante simpática e entretida, cos vaivéns dos protagonistas —moi carismáticos os dous— tanto na vila mariñeira de Galicia como na pampa arxentina ou na capital francesa. Esta novela, que ao principio é tan inofensiva e amable, ten un final chocante e quizais bastante revelador.
Algo que me chamou a atención deste libro son os títulos dos capítulos, xa que son un resume do que vai acontecer en cada capítulo. Talvez esa é a parte que me fai ver Os dous de sempre coma un conto, porque ten un estilo moi propio deste xénero. Unha das virtudes desta novela son tamén as ilustracións que acompañan cada capítulo. As ilustracións, obra do mesmo escritor, complementan perfectamente o argumento, aínda que ás veces fagan algún que outro spoiler.
Os dous de sempre é a única novela de Castelao que presenta unha historia simpática, curta e moi fácil de seguir, onde se narra a vida de Pedriño e Rañolas, dous personaxes que intentarán facer de si mesmos homes de proveito.