Marcos Pereda en estado puro, non che custará recoñecelo se adoitas lelo noutros espazos (nos múltiples medios nos que escribe e escribiu, ou noutros libros). O seu estilo é inconfundible, sempre buscando a épica do ciclismo, dotando ao texto de certo carácter grandilocuente e centrándose case máis na narrativa que nos feitos en si mesmos. Nada que non esperase, por ese lado non teño nada que criticar porque era o que agardaba, e en certa maneira si que me gusta.
O que me fixo baixarlle unha estrela enteira foi o carácter tan deslabazado dos capítulos. Trátase dunha recompilación de artigos xa publicados con anterioridade noutros medios en liña. E aínda que están artellados por carreira (un capítulo para o Tour, outro para o Giro, para a Vuelta, para o mundial, para a Milán - San Remo etc.), queda todo moi solto porque non existe un fío que os entrelace e todo parece ir a saltos sen saber moi ben o que se pretende. E, por enriba de todo, son demasiado repetitivos, narrando os mesmos feitos máis de unha vez. Se ata nalgunhas ocasións se repiten parágrafos case idénticos, frase por frase. Algo que non importa en artigos espallados no tempo e en distintos libros, queda fatal nun mesmo libro, onde se presupón unha lectura lineal.