Luísa Villalta Gómez, nada na Coruña, na rúa Vila de Laxe, o 15 de xullo de 1957 e finada na mesma cidade o 6 de marzo de 2004, foi unha escritora, filóloga e violinista galega. Escribiu poesía, teatro, narrativa de ficción, ensaio, articulismo e tradución.
O colectivo A Sega acordou dedicarlle o Día das Galegas nas Letras do ano 2022, esta plataforma terá dito: «celebrámoste desde a complexidade da épica ao publicismo, deste ti, desde o teu pensar, lúcida e comprometida, sempre na construción dun pobo».
E a Real Academia Galega o Día das Letras Galegas do ano 2024. A RAG destaca dela que foi a «creadora dunha obra singular e sólida que a converteu nunha das grandes figuras da literatura galega que emerxeron na segunda metade dos anos 80 e primeiros 90», esta proposta estivo encabezada pola tamén escritora Ana Romaní e respaldada por Chus Pato, Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey, Margarita Ledo Andión, Manuel Rivas, María López Sández, Euloxio R. Ruibal, Dolores Sánchez Palomino, Manuel González González e a xa mencionada Ana Romaní.
Non sei se admitir que cara ós últimos poemas a súa forza esvaécese un pouco —sabendo que se trata dun poemario póstumo, o fragmentarismo (xa non formal, senón intelectual) faise algo triste—, pero o abraio das súas dúas primeiras partes e moitas das 'Estampas' conserva un poder de evocación, suxestión e activismo moi complicados de atopar nun poemario destas dimensións.
Penso que Villalta tiña moi claras as súas liñas de traballo —o interese polo urbanismo mesturado con certa herdanza lacaniana, todo co propósito de falar da disolución da identidade nos marcos operativos do capitalismo contemporáneo—, pero tamén son capaz de admirar unha vocación pola ruptura, o desvío; todo o seu discurso traballa picando sobre o bloque de hormigón da episteme institucionalizada, desfacendo saberes encallados e loitando por outros que agardan afundidos.